Opinión

A xeometría infinda dos desertos

No deserto da cidade hai moita xente. Os sons dos neumáticos no asfalto mollado, ou nos lastros, o barullo do cotiá que mingua ata deterse na ‘hora azul’ da noite. As obras que comentamos hoxe nesta achega semanal dende a arte, Xabier Babarro no Ateneo, e a de Eduardo Outeiro en Alterarte. Son ámbalas dúas mostras plásticas exemplos da capacidade humana por explicar o insondable mundo do interior, aquel, ourensán de Soutosanín, no perímetro rural da cidade, e xa xubilado (n. 1946); este coruñés de mediana idade (n. 1981)... Dende mundos opostos conflúen.

Babarro, antigo profesor do Instituto da Carballeira, onde impartía educación plástica e debuxo, amósanos en ‘Cor e xeometría’, primeiro no Auditorio municipal que se abaixa á cidadanía no salón de portas abertas que é o Ateneo, coa mesma obra e folletos editados pola concellería do organismo público, circunstancia que na súa faciana positiva hai que salientar, e repetir. Liñas no plano, cores, xeometría das formas con propedéutica pedagóxica dende Josef Albers e os Mestres da Bauhaus do período de entreguerras do pasado século. O método racional, co lapis, e o punto inicial no papel..., velaquí o eloxio do artificio mental coas mans e os instrumentos de debuxo, escadras, compás e tiraliñas, complementados coas manchas de cores, uníndoas e xustapoñeéndoas, ou non, para conseguir a sensación de fondura. Son, moitas delas, formas abstractas que saen dos desertos do maxín, enriba do taboleiro de debuxo.

Eremitas e alucinacións

A ilusión do deserto africano, onde se mergulla Eduardo Outeiro nun exercicio pedagóxico por representar ‘o xardín florido de espíritos solitarios’, dixo a modo de presentación de ‘Cosmoclasia’. Este licenciado en Belas Artes pola UVigo, diante do seu profesor Ruiz de Samaniego, quen aproveitou a presenza dos media para mencionar a idea da ‘desertización da alma’, unha entelequia. Eis a transformación do Ser, dende a ascesis extrema, de xeito consciente e sen contacto humano, entrando no interior na procura da esencia, para transformamos, cada quen a sí mesmo, un baixarmos ata o pozo onde está á fonte. Neste camiño no que o espírito guía ao corazón xurden quimeras e fantasías propias de toda experiencia extrema, así os medos se proxectan en corpos de animais, que o artista amosa: o crocodilo, a rá, a panteira. Pintados entre luscos e fuscos, con eles dialogan pequenos homes espidos, corpo animal e mente pensante.

O cráneo, e a mandíbula, falan. Trátase de discernir, diferenciando o real do imaxinario, e no ermo desértico, nese espazo dos desertos de Exipto, naquela mítica e real Tebaida, que chegou ata nós, vía Túnez, ata o Bierzo e a Ribeira Sacra: esta ben sendo un mundo sen xente entre árbores e rochas, de duras condicións para a vida. Mais neles, semella que o artista, e o mentor, non matinaron... A experiencia inefable facía que estos homes se convertesen, unha transmutatio verdadeiramente alquímica: velaquí o paralelismo cristiano, como o propio Jung se decata. E chegar así ao xardín esencial da palabra (logo o galgo virá á cidade, para achegarmos a experiencia). Podería lavarse ás clausuras monásticas.

Te puede interesar