Opinión

Galegos ao tren, de Feijóo

Se Galicia achégase ao que Alberto Núñez Feijóo esbozou no seu discurso de investidura, estaremos preto da Arcadia. Os emigrantes farán cola nos aeroportos do mundo para sacar o billete de regreso a unha terra na que abonda a felicidade; as camas das parellas galegas en idade fecunda cimbrarán para compoñer unha melodía de futuro porque alumar un cativo terá recompensa e ata haberá garderías nos polígonos industriais –Feijóo dixit–; entre 80.000 e 100.000 persoas abandonarán as listas do paro cunha nova lei de emprego que deixará a porcentaxe por baixo dos dous díxitos; os rapaces falarán galego, castelán, inglés e portugués demde idade tenra; os investigadores ficarán  aquí cos seus proxectos e no rural non haberá espazo para acoller a xente con folgos para gañar os garavanzos co sacho porque haberá impostos cero para a adquisición de parcelas. "Se a anterior foi a lexislatura da automoción e o naval, esta será a do rural", aventurou Núñez Feijóo.

E Lugo estará conectado con Ourense e Madrid en menos de tres horas por AVE porque "é algo irrenunciable", segundo proclamou o candidato a presidir a Xunta cunha maioría absoluta "aberta", termo de novo cuño que só pode predicar alguén que recibiu o apoio maioritario dos galegos por terceira vez consecutiva e sabe que non necesita a man de ninguén para continuar facendo o que pense ou quieira.

Xa pode a oposición berregar e dicir que Feijóo non ten a maioría da rúa para xustificar o seu escano, que soou o silbato que anuncia galegos ao tren, pilota Feijóo porque así o decidiron nas eleccións, como se ocupou de remarcar. Fará o que lle pete por moito que predique que vai ser unha maioría absoluta aberta. É máis dodado o conto do AVE de Lugo. 

Te puede interesar