Opinión

Avante Maradona!

A Maradona non lle cae ben Macri e a Macri tampouco moi ben Maradona. En decembro de 1995 Mauricio Macri foi elixido presidente de Boca Juniors, e 20 anos despois, en decembro de 2015, presidente da República Arxentina.

Macri pertence a unha de esas familias arxentinas nas que estás predestinado a triunfar. En Boca unha das cousas que primeiro fixo foi fichar a un Maradona xa en declive no ano 95. Nunca se levaron ben, pero a Macri o que lle importaba era o marketing. Converteu Boca Juniors nunha marca recoñecida a nivel mundial, ampliou a Bombonera, e entrou na historia do club como o presidente que máis títulos acadou (17) no tempo no que estivo á fronte dos “xeneizes”.

O primeiro contacto de Macri cos Estados Unidos foi en Nova York cando veu a estudar á Universidade de Columbia. Bos tempos, recorda. O segundo está a ser un pouco menos agradable…é coa Corte do Distrito Sur de Manhattan, co nonaxenario xuíz Griesa, e cun litixio pola débeda que dura xa 15 anos.

A orixe deste xuízo está na Arxentina de 2001 onde o surrealismo campa libre pola Casa Rosada por mor do “corralito”, e onde os presidentes duran menos que os adestradores en Boca. En 15 días, entre o 19 de decembro de 2001 e o 1 de xaneiro de 2002 foron investidos catro presidentes. De la Rúa dimitiu (tivo que saír en helicóptero da Casa Rosada) e deu paso a Ramón Puerta (3 días); logo Rodríguez Saa (8); logo Eduardo Camaño (1, record) e logo Eduardo Duhalde que durou un ano. O motivo? A economía colapsada: o 23 de decembro dese 2001 Arxentina entra en suspensión de pagos e aí empeza a historia de miles de millóns de dólares que se resolveu (ou non) esta semana en Manhattan.

A débeda arxentina foi adquirida por conglomerados financeiros, por outros países -como España-, por particulares…e por fondos voitre. Un fondo voitre é un “usureiro” legal e a gran escala: compra barato en situacións de venda desesperadas e litiga logo nos tribunais para obter o 100% da inversión orixinal máis o interese.

Arxentina quixo rematar con esta débeda dúas veces: unha no 2005 e outra no 2010. Chegou a acordos co 93% dos bonistas mediante fortes quitas, pero unha parte importante do 7% restante estaba en mans de fondos voitres americanos que denunciaron a Arxentina ante a xustiza estadounidense. Algúns mercaron bonos por 40 millóns de dólares e reclaman o pago de 1.700. Para a Arxentina de Cristina Fernández isto é usura. Neste punto entra o xuíz Griesa, falla a favor dos fondos voitre (salvando de paso aos pequenos inversores) e sanciona a Arxentina co embargo e o impedimento de financiarse nos mercados internacionais ata que non lle pague a estes fondos. Este pasado martes, nunha vista histórica, as partes chegaban por fin ao xulgado xa cunha proposta de acordo entre o goberno de Macri e o 85% dos acredores.

Neste acordo se pedía ao xuíz Griesa suspensión das medidas cautelares. Pero houbo sorpresa. Unha vez na sala a maioría dos fondos voitre lle solicitaron a Griesa 30 días máis para que os pequenos inversores (15%) que non estaban dentro deste acordo final puideran negociar. Un acto de xenerosidade? Non. En realidade era una escusa. O que querían os fondos voitre era gañar tempo para ver se Macri cumpría a súa parte do acordo, porque para poder pagar, o Goberno arxentino ten que derogar dúas leis: a “Lei Cerrojo” e a “Lei de Pago Soberano”. A xogada é así. Macri di que derogarán as leis cando o xuíz levante as medidas cautelares, e o xuíz Griesa no seu fallo, di que o levantamento desas medidas será efectivo cando o goberno de Macri derogue as leis. O gato e o rato.

Os cartos son unha cuestión importante -en torno aos 15.000 millóns de dólares- pero tamén é o precedente de ceder ante o poder dos fondos voitre, algo ao que Cristina Fernández se opuxo provocando este bloqueo, e foi un dos motivos polos que perdeu as eleccións.

Macri sabe que en moitos aspectos é unha claudicación. É algo que non quere facer pero tamén sabe que lle vai dar réditos…como fichar a Maradona no 95. A Macri non lle cae ben Griesa, pero se lle sae a xogada poñerá de novo a Arxentina no panorama internacional como xa o fixo con Boca fai vinte anos e se non, sempre lles quedará Maradona…Avante Maradona

Te puede interesar