Opinión

Eu non quero ser John Wayne

A historia é unha arma para quen a coñece, e súa ignorancia un perigo colosal. "A people´s story of the United States" de Howard Zinn é un dos libros que todo americano tivo que ler. Podemos traducilo como "A historia da xente dos Estados Unidos". Comeza pola chegada de Colón e, na miña edición, vai ata as eleccións do 2.000. Colón, como na maioría dos textos americanos é presentado como un xenocida. Non penso reinterpretar a historia neste artigo pero si que vou reproducir unha conversa que tiven cun americano esta semana a raíz precisamente desta aseveración. Non lle gustou nada o que lle contei, xa o adianto.

O que lle contaba eu comeza por uns europeos que cruzan o océano e chegan ao novo continente hai xa uns cantos séculos. Ao principio son poucos pero contan coas vantaxes organizativas da máis sofisticada Europa e logran asentarse. Para facelo loitan coas tribos indíxenas locais con armas moito máis letais cas súas, pero así e todo son moito menos numerosos. Que facer? Fácil, estes europeos alíanse cos caciques das tribos rivais para loitar contra un inimigo común.

Así van tecendo alianzas cos indíxenas á vez que chegan máis reforzos do vello continente atraídos pola promesa de riquezas, liberdade e, sobre todo, ouro. As tribos indíxenas non teñen unha estrutura común de exército ata que xa é tarde. Pelexan por zonas, o que fai que os brancos -que traizoan logo as súas alianzas- lle vaian gañando terreo. Os brancos exterminan vilas e poboados enteiros, queiman os seus terreos, matan aos seus animais, asasinan, violan e raptan as súas mulleres e fillas… e aos que non conseguen matar mediante as armas caen coas novas enfermidades que portan os europeos: un xenocidio, ainda que esta verba foi acuñada por primeira vez en 1944 e a ONU non a definiu ata o 1948.

Os novos brancos europeos, os conquistadores, son uns sanguinarios. No lles importa nada máis que acadar territorio e riqueza. Impoñen a súa lingua, e un par de séculos despois, practicamente non que nada da raza aborixe. “Sóache esta historia?” díxenlle. “Si, claro. Os conquistadores españois”, respondeume. “Si, podería ser, pero realmente estou a falar da vosa historia, a historia dos Estados Unidos”, retruquei. Esta é a “Conquista do Oeste”. A diferencia é que eles ocultan esa parte, reclúen aos nativos en “reservas”, culpan da carga negativa histórica aos españois ou portugueses, e conseguiron implantar esta idea en todo o mundo . Como? Fácil tamén. Agora o conto.

As historias son paralelas. Os “Conquistadores” son os orgullosos “Pioneiros” en USA; a “Procura do Dourado” a “Febre do Ouro”; os Síux, Cheyéns ou a tribo aliada que conviña en cada momento, foron os Tlaxcaltecas de Cortés. Ou alguén pensa que Cortés con 500 homes conquistou un imperio de 300.000 habitantes? O exército de Cortés realmente era indíxena e xa estaban en guerra, e bastante cruel, cos Aztecas. Está nos libros tamén. O que analizo é como feitos históricos paralelos converten a uns -por herdanza- en viláns e a outros en heroes según como se venda.

E como se vendeu? Sinxelo, co cine, a maior arma de expansión cultural coñecida. Hollywood púxose mans á obra creando todo un xénero novo nos 50: o Western. O guión sempre era o mesmo. Os pobres brancos que chegaban para gañarse a vida nun territorio novo e os indios que os atacaban nas súas casas, matando mulleres e nenos. O branco era o heroe. O branco era John Wayne. Todos queriamos ser John Wayne, pero realmente John Wayne -se é xulgado polo mesmo raseiro- é o xenocida desta historia. Os nosos pequenos en Europa xogan a indios e vaqueiros. Todos queriamos o Forte dos Clics e para o entroido por suposto o disfrace de vaqueiro. En USA reescribiron a súa historia -e a nosa- a golpe rolos de celuloide, e nós mercamos a versión que lles conviña.

Volvendo ao presente. Con toda a política racista de Trump de América para os americanos, saíron movementos indíxenas á palestra para reclamar que os verdadeiros americanos son eles, e que se teñen que marchar os inmigrantes que empecen a desfilar os brancos invasores como Trump. O slogan para estas eleccións dos republicanos é “Make America Great Again” (Fai América Grande de novo). A semana pasada foi o aniversario dunha amiga miña científica e o meu agasallo foi unha bolsa de “Strand” que puña “Make America Read Again” (Fai a América Ler de Novo). Encantoulle. A min non me gusta que me manipulen cara ningún lado. Eu non quero ser John Wayne.

Te puede interesar