Opinión

Hitler na Quinta Avenida


Chámase Jakiw Palij ten agora 92 anos e vive en Queens, Nova York. É o último soldado nazi que queda vivo nos Estados Unidos ou así o pensa a oficina de Eli Rosenbaum, o máis certeiro caza-nazis tras Simon Wiesenthal. Palij prestou os seus “servizos” no campo de Trawniki onde os informes falan de que mataron a 4.000 persoas. El declárase inocente: obediencia debida. Estados Unidos intenta extraditalo unha vez máis. Xa o intentou en 2004 pero ningún dos tres países europeos aos que pretendía mandalo quixo recibilo e meterse nese xuízo mediático. Os tribunais americanos non teñen competencias para xulgar delitos contra a Humanidade, non aplica o principio de Xustiza Universal. En España, ata 2009, sí se podería ter xulgado.

Palij é o último da súa estirpe. Se ben a historia dos caza-nazis é bastante coñecida, o que quizais non se coñeza tanto é que os nazis desfilaron fachendosos coas esvásticas por Nova York e mesmo chegaron a encher o Madison Square Garden. The Man in the High Castle, 1962, o libro de Philip K. Dick, xa falaba dun final diferente da Segunda Guerra Mundial no que os nazis e os xaponeses dominarían os Estados Unidos tras vencer aos aliados. O libro acaba de ser levado a televisión pola produtora de Amazon. Pero non hai que ir á ficción para ver Nova York tinguido de esvásticas. Sucedeu en realidade.

En 1933, Rudolf Hess, xefe do Partido Nazi e man dereita de Hitler ata o seu famoso voo a Escocia, decide comezar a estender polo mundo os valores do Terceiro Reich. Estamos nos Estados Unidos posteriores ao Crack do 29, onde se ve con admiración a capacidade de recuperación dun país como Alemaña que comeza a rexurdir tras caer derrotado na Gran Guerra. A mensaxe de poder e crecemento calla nun panorama coma este, ignorante, como estaba o resto de Europa, do que ía vir despois.

Con sede en Nova York, nese 1933 creouse a Asociación de Amigos da Nova Alemaña, durou dous anos, foi o xérmolo. No 1935, Fritz Julius Kuhn, fundou a Federación Xermano-Americana cunha mensaxe máis definida que a súa predecesora: simboloxía nazi, lemas antisemitas, promesa de prosperidade, ataques aos comunista e tamén ao presidente, daquela, Franklin D. Roosevelt.

Estes ataques fóronselle tanto das mans que, medorento de enturbar as relacións diplomáticas coa Casa Branca, o Reich rompeu relacións oficialmente con Kunh a finais do 39, pero antes dese momento, ese ano 1939 deixa dúas imaxes para a historia: unha, o desfile coas bandeira nazi e norteamericana xuntas polas rúas de Nova York; e a segunda, o mitin do Madison Square Garden ateigado de xente ondeando as súas esvásticas e presidido pola figura de George Washington. Na defensa dos neoiorquinos é xusto dicir que tamén existían un bo feixe de asociacións anti-nazis na cidade naquel tempo.

Tras o lóxico declive de popularidade que supuxo a Segunda Guerra Mundial e a etapa do McCartismo, a partir dos anos 50 volven xurdir asociacións neonazis que aínda hoxe perviven amparadas na Primeira Emenda. E non só asociacións. Vilas enteiras.

Os Hamptons son hoxe patio de recreo dos ricos de Nova York, están situados ao norte da cidade. Pois ao lado dos Hamptons está Yaphank, unha pequena vila que non pasaría a historia se non fora porque aínda a día de hoxe debes ser “ario” para mercar unha casa alí. Yaphank é un asentamento alemán no que podías vivir, ata fai relativamente pouco, na rúa Hitler o na rúa Gloebbles, onde tiñan os sebes recortados en forma de esvásticas e o Negacionismo (a teoría que di que o Holocausto non existiu) era moeda común.

Logo da IIGM os veciños, acurralados, crearon a Liga para o Asentamento Xermano-Americano (GASL) cunha norma tácita: non vender a propiedade a ninguén que non fose “ario”.

O tempo mudouno todo… ou case todo. Hoxe non queda rastro desas rúas ou decoracións pero sí da norma. Os Kneer, unha familia do asentamento, acaban de demandar a esta asociación porque lles prohibe vender a súa casa -situada como tantas outras nos terreos da GASL- a alguén que non sexa literalmente: “branco e de extracción xermana”.

O xuízo está amosando centos de evidencias de que os restos do nazismo non son cousa do pasado nesta pequena vila, como non o son no resto do país. Semella claro que, ao cabo, Jakiw Palij, con extradición ou sen ela, non vai ser o último soldado nazi nos Estados Unidos.

Te puede interesar