Opinión

Nova York: o dragón de Galicia (II)

Ovestixio máis antigo da música e a poesía galega está en Nova York. É o pergameo Vindel, que contén as sete Cantigas de Amigo de Martín Codax. Este pergameo mercouno J.P. Morgan e agora está no seu museo. J.P. Morgan -soaralles- foi un dos maiores empresarios da historia dos Estados Unidos e, á vez, un dos maiores filántropos. Sabía de inversións e sabía que a cultura tamén dá diñeiro. E moito. Si, sorpresa! A cultura consúmese polo tanto pode ser vendida. Non hai nada malo en crear e vender. Con frecuencia crucificamos aos nosos creadores (cineastas, actores, literatos…) por atreverse a facer cousas que chamamos comerciais. “É moi comercial”, dicimos con desdén, para acto seguido ir facer cola para ver Star Wars. Somos pura hipocrisía e pose, especialmente no mundo das artes escénicas.

Carlos Oroza foi o poeta da “xeración beat” que naceu na cidade equivocada. Se chega a nacer nos Estados Unidos estudaríase nos libros de texto en España ao carón de Kerouac. Pero naceu en Viveiro. Oroza foi o “poeta maldito do Café Gijón”, que dixo Umbral. Coincidiu na Ibiza dos 60 con Nico, a musa da Velvet Underground, e cos poetas beat que fuxían de ser chamados a filas para pelexar nas guerras asiáticas dos Estados Unidos. Foi recoñecido antes en Nova York ca en España onde, en 2014, un ano antes de morrer, lle concedemos a Medalla de Ouro do Círculo de Belas Artes. Algo é algo.

Carlos Oroza volveu esta semana en Nova York. Quen o trouxo foi outro poeta galego: Marcos de la Fuente. De la Fuente leva revolucionando a escena cultural galega desde hai anos, como David e Isaac Pedrouzo, desde o exquisito Torgal en Ourense. Os tres poderían marcar tendencia en Nova York, sen dúbida…

De la Fuente chegou a Manhattan a presentar o Festival Kerouac de Vigo. Sabía que era unha oportunidade única, e que estas oportunidades non están para aproveitalas, están para atropelalas directamente. Entrar sen chamar. En Nova York ou Pequín, da igual. E o fixo. Xuntou ao mellor da escena poética underground de NYC, é dicir, ao mellor do mundo. De la Fuente maquinou: “Quen son os mellores? Vinde, quérovos ao meu lado”, e xuntou no Instituto Cervantes a Nikhil Melnechuk, o director do mítico Bowery Poetry Club, e Jivepoetic, o máximo expoñente do Nuyorican Poets Café, que nunca antes coincidiran xuntos nun escenario. Os americanos escoitaron as Cantigas de Amigo, descubriron a Oroza, onde está Vigo…e descubriron que temos xente en Galicia con nivel de sobra para subirse ao escenario con eles. O nexo común é camaradería e o respecto que outorga o saber que falas a mesma linguaxe aínda que en diferentes idiomas.

Algo galego está a pasar culturalmente en Nova York. Cristina Pato con Yo-Yo Ma encheu o Lincoln Center o ano pasado co seu Silk Road Ensamble. Este ano unha pequena “Cicloxénese Cultural” trouxo á cidade a Fluzo e Xenderal a celebrar o aniversario de Lois Pereiro; fai nada Uxía e Narf deron unha xira de 14 concertos por todo o país; o Kerouak de Vigo acaba de poñer en garda a vangarda poética neoyorkina; e a Academia Galega do Audiovisual traerá a Nova York todas as películas dos Mestre Mateo e as xuntará co mellor da nosa gastronomía, no que xa é oficialmente a acción de promoción de Galicia máis importante do ano nos Estados Unidos (e na que teño a sorte de poder participar). No Instituto Cervantes de Nova York nunca escoitaran falar tanto galego coma este ano.

Os nosos artistas e obras están ao nivel. Cantantes, escritores, directores de cine -os americanos cos que falei e que viron “O descoñecido” (xa está en Netflix) non dan creto de que esa película se fixera na Coruña e con ese orzamento-. Falando desta película. É a primeira de Dani de la Torre, e a enésima da creadora dos maiores éxitos do cine galego, Emma Lustres. Contoume Dani que cando falaba con Emma da película, Emma lle dixo: “Dani, arrisca. Vin moitos directores quedarse na primeira película por non atreverse. Atrévete”. Puro Emma. E Dani o fixo. Iso, e a constelación de talento creada ao seu redor, fixeron o resto. Marcos, David, Isaac, Dani, Emma…son caras da mesma moeda. A moeda coa que aprenderon a xogar os nosos emigrantes en Nova York. Por un lado ten talento e traballo, e polo outro valor e sentido de mercado. Imbatible. Eu quero xogar.

Te puede interesar