Opinión

Nova York: o dragón de Galicia

Galicia ten máis potencia e presencia en Nova York que países enteiros da Unión Europea. Os nosos emigrantes están situados en posicións estratéxicas do goberno, da universidade, da empresa…Posicións que outros países nin sequera soñan con ter. De entre os españois, nin Cataluña -que ten oficina comercial-, nin o País Vasco -que ten unha Delegación do Goberno- nin Madrid, nin Andalucía…ninguén se achega á posición de Galicia.

Nova York é a cidade máis exixente do mundo para traballar. O lema é “traballa duro, xoga duro”. Aquí da igual de quen sen sexas fillo ou sobriño ou de que país veñas. Es bo? Quedas. Non es bo? Marchas. Así de fácil.

Non hai medo ao fracaso. Ao que dirán. Non teñen tempo para esas tonterías. Fracasar é unha forma de aprender como non facelo. En España agardamos a que alguén fracase para dicir: “xa cho dixen eu” e sorrimos. Así nos vai. 

Aquí buscan que trunfes, porque se che vai ben a ti, seguro que me irá ben a min, e ao país enteiro. Iso aprendérono os galegos nada máis chegar. O traballo duro xa o traían de serie, o que fixeron foi deixar as estupideces a un lado e poñerse a facer negocios. 

E saben que? Resulta que somos moi bos. Aquí os galegos xa aprenderon o que é o marketing… a venderse. Sen prexuízos, sen vergoña. Queres facer negocios? Imos. Xa está. Simple. O de vendernos a nós mesmos en Galicia é unha asignatura pendente, malia que hai xente que o está a cambiar, por sorte. Cando entendamos que non é arrogancia, é marketing, falaremos en serio.

Ao mellor chegados a este punto isto lles parece máis palabraría que outra cousa. Moi ben. Carmen Fariña, filla de galegos, de Sada, xefa de Educación de Nova York, onde manexa un orzamento de 25.000 millóns de dólares; Rafael Piñeiro, ex xefe da policía de Nova York; Santi Formoso, primeira superestrela do fútbol español en USA; Carlos Cid, gañador dun Grammy polo remix de Lana del Rey; Steven Rebollido, tres Emmys e un Golden Reel Award; Antonio Arias, tres Leóns no Festival de Publicidade de Cannes; Sandra Barral, Carlos Sierra, Santiago Vilar, Miguel López-Lago, Nacho Mena, científicos traballando nos departamentos máis prestixiosos de Columbia e Monte Sinaí; por suposto Susana Martínez Conde, a coruñesa directora do Laboratorio de Neurociencia da Universidade do Estado de NY; Estela Area, científica tamén. Recordan o proxecto de tirar o cubo de auga pola cabeza para recadar fondos contra o ELA? Pois a organizadora dese proxecto cruzou o país para financiar a investigación de Estela sobre o Alzheimer. Seguimos. Miguel Saco, un dos restauradores de mobles máis prestixiosos de Nova York, Warholl era seu cliente. Jose del Valle, unha das maiores autoridades da Universidade de NY en Hispánicas; Antía Pagant e Imma Varandela tirando fotos de moda para as mellores coleccións do mundo na Fashion Week; falando de moda, temos á deseñadora Isabel Río e a Daniel Macía traballando no corazón da firma Alexander Wang. Galegos traballando na estratexia de BlackRock, o grupo inversor máis potente do mundo, banca…Seguimos? Seguimos, porque de feito aínda non empezamos.

Salvo tres ou catro nomes desta lista o resto son case todos da nova emigración, digámolo así. Pero a base de todo o que agora hai feito, está nos milleiros de emigrantes que abriron o camiño nos 40, 50, 60…Eles foron os que cambiaron realmente a mentalidade. Os galegos son donos da maioría de restaurantes españois da cidade e os cartos que gañaban non ían parar baixo o colchón…investían en novos negocios. Non sempre gañaron, pero si arriscaron e o volveron tentar. Investían en ladrillo polo que non é difícil coñecer hoxe a galegos donos de edificios enteiros. Poderiamos facer unha lista de galegos contratistas e restauradores de varias páxinas. Daremos só un exemplo. Antonio Vázquez, ourensán de Cortegada, é o dono de Berto Construction. Dito nunha frase: é un dos maiores licitadores de obra pública do estado de New Jersey. Antonio e moita outra xente merecen un artigo de seu…máis que un artigo, un libro enteiro. 

Se quixeramos levantar agora desde cero a rede comercial que Galicia xa ten aquí tecida -como tenta Cataluña ou o País Vasco- custaría millóns euros de inversión e anos de traballo. Nós xa a temos, pero hai que unir os puntos. Pode facerse, debemos facelo…os nosos emigrantes xa fixeron o camiño e estamos nun momento estratéxico extraordinario xa que ducias de empresas galegas están tentando facerse un oco neste mercado…non o deixemos pasar. Mañá, como sucede nos negocios, será tarde. Aprendamos do noso dragón. Aprendamos a liderar non a seguir, que nos sigan a nós!

Te puede interesar