Opinión

Palabra de JFK

Franklin D. Roosevelt dixo: “Hai un ciclo misterioso nos acontecementos humanos. Para algunhas xeracións moito lle vén dado. Doutras xeracións espérase moito. Esta xeración de americanos ten unha cita co destino”. Roosevelt está sen dúbida no podio dos presidentes de Estados Unidos, de feito foi o único da historia reelixido 4 veces (agora xa non se pode). FDR tivo que afrontar a reconstrución tralo Crack do 29 e liderar -a través do “New Deal”- a recuperación económica dun país en quebra. Mentres, fóra, tiña que pelexar primeiro contra o auxe do nazismo, e logo xa directamente contra Hitler na II Guerra Mundial.

Roosevelt foi presidente entre 1933 a 1945. Un ano antes, o 25 de abril de 1932 a crónica de Berlín do “New York Times” rezaba: “Entre o Centro Alemán hai unha corrente que di que habería que intentar enxertar aos Nazis no goberno antes de que a súa forza medre máis. Argumentan que unha vez os Nazis participen no goberno se converterán en moderados, e a súa ascendencia política diminuirá porque, pola propia natureza das cousas, atoparán imposible manter as promesas feitas durante a pasada campaña. Se Hitler se convirte en factor dominante da coalición gobernando Prusia marcará o punto álxido do movemento fascista que pasará dunha broma ao máis poderoso movemento político do Reich”. O ano seguinte Hitler gañaría a eleccións. O resto xa o sabemos. Eu persoalmente escoitei este argumento ducias de veces durante esta campaña. “Trump fala moito, e o mellor pásase un pouco nas formas, pero ten razón. Amais cando goberne esas cousas non as vai poder facer”.

A durminte diplomacia europea vai ter que comezar a gañar o soldo. É lóxica a primeira postura de Obama de man tendida a Trump para evitar incrementar a tensión nun país fondamente divido, pero nin unha máis. Errará Obama e errará Europa se lle deixa marxe de manobra a Donald Trump, que está a confeccionar un equipo ao gusto da alá máis extremista dos republicanos.

Non se pode caer no erro de pensar que Trump non fará o que dixo en campaña. O seu máis firme aliado agora en Europa é Nigel Farage, o líder do Brexit e do UKIP partido xenófobo británico. Farage minte ao igual que mentiu Trump para chegar ao poder. Un dos mantras do UKIP foi “Europa nos rouba”. Para darlle máis peso, aseguraba que o diñeiro que Reino Unido lle da a Europa o reinvestirían en Sanidade para os británicos. Farage desmentiu isto ás 24 horas de gañar as eleccións. Eses son Trump e Farade, que con Marine Le Pen conforman a combinación política máis perigosa a ambos lados do charco desde a Segunda Guerra Mundial.

Dicía Rooselvet que hai xeracións que teñen citas co destino. Esta campaña espertou unha conciencia colectiva como non se vira desde a guerra do Vietnam. Os cidadáns das grandes urbes están a reaccionar de forma pacífica pero multitudinaria. Podemos ver manifestacións diarias nas rúas contra Trump, pero tamén do outro lado hai reaccións. Vemos actos de odio aos inmigrantes por todo o país. O propio Trump na primeira entrevista concedida logo de gañar as eleccións ao programa “60 minutos” dixo preguntado por estes altercados: “Se vale de algo que eu llo pida aos meus seguidores, dígolles que paren”. Non lle fixeron moito caso. Cada un recolle o que sementa. E Trump sementou, entre outras cousas, odio.

En Nova York grupos de voluntarios están a repartir pola cidade “Safety Pins” (Chapas de Seguridade) para que se nalgún momento un inmigrante é atacado pola rúa saiba que pode contar con el para defenderse. A europea Nova York non parece o lugar propicio para que pasen estas cousas pero vaia vostede a Texas. Unha vez máis as dúas américas.

Que a vitoria de Trump non é só cousa de racismo é obvio, pero que é un compoñente básico é case máis obvio aínda. A desconexión deste bipartidismo recalcitrante das elites coa metade do país é tan aberrante que trouxo a Trump á presidencia, pero esta desconexión non é nova. É tan vella como o propio país. Andrew Jackson, o sétimo presidente dos Estados Unidos (1829-1833) laiábase hai case dous séculos: “É lamentable que os ricos e poderosos demasiado a miúdo inclinen os actos do goberno cara os seus propios intereses”. A realidade é a mesma, o goberno que esquece aos seus cidadáns, aínda que as intencións de Jackson e Trump eran ben diferentes.

Os demócratas, no amplo senso da palabra, teñen agora a obriga de poñerse en pé. “Non busquemos a reparación da culpa do pasado. Aceptemos á nosa responsabilidade polo futuro”, John F. Kennedy.

Te puede interesar