Opinión

A segunda vida do senador McCarthy

James Comey mellor que espere que non haxa gravacións das nosas conversas antes de que empece a filtrar asuntos á prensa”. Así, con esta ameaza pública, Donald Trump dáballe os bos días ao director do FBI James Comey a quen acaba de despedir. Para empezar ben a mañá. 
O de Comey é un caso realmente curioso. Pasou de ser o demo dos demócratas ao reabrir o expediente dos emails de Clinton a 11 días das eleccións -Hillary aínda di hoxe que iso lle custou a presidencia- a ser o home máis buscado polos republicanos por seguir adiante coas investigacións sobre as ligazóns da campaña de Trump con Rusia. 

Comey tiña mandato ata 2023 e nun movemento desconcertante Donald Trump decidiu sacalo da escena. Trump dixo que os seus axentes de maior rango perderan a confianza nel e que por iso tomaba a decisión. É, obviamente, mentira, e así o deixou meridiano na súa declaración ante o Senado o director interino do FBI, Andrew McCabe. Quen dixo a verdade de forma pouco sutil -todo hai que decilo- foi a voceira republicana no Senado, Sarah Huckabee, só unhas horas despois de despedir a Comey: “Non hai nada aí -en referencia á investigación con Rusia- é hora de pasar páxina e centrarnos nas cousas que preocupan aos americanos”. Branco e en botella.

As ligazóns con Rusia acabarán con Trump. No camiño xa caeu en apenas un mes o Asesor de Defensa, Michael Flynn, que acaba de recibir unha citación do Senado para declarar de novo, e o mesmísimo Fiscal Xeral, Jeff Sessions, tivo que recusarse de intervir nesta investigación ao haber dúbidas tamén da súa conduta. O círculo vaise pechando.

A decisión de Trump só é comparable historicamente a cando Nixon despediu ao Fiscal Especial que estaba a investigar o Watergate, Archivald Cox, para intentar descabezar e tapar a trama. Cox caeu pero a investigación seguiu e Nixon tivo que dimitir nove meses despois. Trump intenta facer o mesmo. Liquidar ao investigador xefe e mandar un aviso a navegantes de que quen siga buscando aí correrá a mesma sorte que Comey. Non ten pinta de que lle vaia dar resultado. Os demócratas non van soltar o óso, e mesmo desde os republicanos John McCain pide urxentemente o nomeamento dun Fiscal Especial para este caso. 

As comparacións de Trump con Nixon son evidentes, e agora Trump deu un paso máis: a volta ao McCartismo, á caza de bruxas. Eran tempos moi diferentes. Saiamos da II Guerra Mundial e comezaba a Guerra Fría. O HUAC (House Un-American Activities Committee) o Comité de Actividades Antiamericanas -a pesar de que estivo activo case 60 anos- tivo o seu momento de esplendor entre o 1946 e o 1956 co Senador McCarthy como a súa máxima estrela. No 1946, un novísimo Nixon entraba no Congreso e comezaba a tomar boa nota do seu mentor. 
Este comité estaba ideado en orixe para controlar as actividades pronazis dentro do país pero rapidamente virou cara a U.R.S.S. A psicose era brutal e o HUAC exercía o poder a modo de Santa Inquisición contra todo o que puidera soar a comunismo no país. 

A famosa lista negra de Hollywood, co caso de Elia Kazan como delator, foi quizá o fito máis coñecido deste “tribunal moral”. Non está de máis lembrar que McCarthy acabou os seus días absolutamente desautorizado e no esquencemento logo de que Eissenhower cansara das súas acusacións e farto do seu comportamento anticonstitucional... e así estaba ata que Trump decidiu devolvelo á vida, e a caza de bruxas continúa.

Con Trump caeu a Fiscal Xeral, Sally Yates, por opoñerse ao veto migratorio do presidente por inconstitucional. Yates tiña razón, e así o demostraron tódolos tribunais, ate o punto de que a Orde Executiva tivo que ser definitivamente retirada, pero Trump destituíu a Yates, quen, por certo, avisara un mes antes do seu despido das conexións de Flynn con Rusia…

O de Rusia saltará polos aires. Non hai dúbida. Hai demasiados axentes esperando o momento para filtrar dossiers á prensa como para que isto quede aquí. Trump pode despedir ao director do FBI e poñer á súa filla á fronte da axencia se quere, da igual…é cuestión de tempo. Un tempo no que cada vez crece máis a figura de Elizabeth Warren entre os demócratas. Warren debería ter sido xa a candidata en 2016 pero sabía que o seu partido non ía xogar limpo para favorecer a Clinton, como así foi. Se os demócratas non son demasiado torpes Warren será a vindeira presidenta de Estados Unidos, e Comey é posible que esboce un sorriso.

Te puede interesar