Opinión

A trampa de Hillary Clinton

Di a lenda que o primixenio sistema electoral americano foi concibido en reunións de taberna. Pode ser. Iso explicaría a tolemia de regulación que fai que, cando sexa elixido o vindeiro presidente dos Estados Unidos, os americanos leven soportando unha campaña de un ano e medio, por exemplo.

Non hai un ente regulador. Os próceres dos partidos inventaron unhas regras hai máis dun século e os seus herdeiros as van modificando, pero en esencia, segue a ser unha lea vetusta na que o Partido Demócrata resulta que é o menos democrático dos dous. Leo e escoito abraiado en boa parte de prensa norteamericana que Hillary arrasou no Estado de Nova York. O resultado foi: Hillary 58% (139 delegados) Sanders 42% (106). Arrasar non semella o verbo adecuado.

Para entender os números da campaña demócrata hai que saber dúas cousas fundamentalmente. Que son os Superdelegados e que é un Superpack. Para acadar a candidatura do seu partido, Clinton e Sanders deben lograr o apoio de 2.383 delegados. Os delegados se elixen voto a voto en cada estado. Ata aquí, con mil matices, pero normal. Que son entón os superdelegados? Pois son 717 personaxes relevantes do partido (expresidentes, senadores, etc.) cuxo voto non ten que pasar polas furnas das primarias. Apareceron para quedarse nas disputadas demócratas de 1980 nas que Carter, candidato oficialista, ía perder contra o senador Ted Kennedy. Os recén nacidos superdelegados fixeron que gañara Carter a candidatura (Carter, quen por certo caería logo estrepitosamente contra Reagan). Resumindo: os superdelegados son o factor de corrección do aparato do partido no caso de que as cousas non vaian como Washington quere. E abofé que corrixen. Ollo ás cifras. Se contamos só o voto da xente, a diferencia entre Clinton e Sanders é de 277 delegados. Estreita marxe. Pero se facemos a conta cos superdelegados incluídos -que é a oficial- a diferencia é de 741 delegados e deixa a Clinton virtualmente ás portas do nomeamento.

506 superdelegados xa lle regalaron o apoio a Clinton nada máis comezar. Iso é un 20% do que necesita Clinton para ser nomeada. A Sanders, lembremos, o candidato “non oficial” do partido, o respaldan 38 superdelegados. Nada.

Isto en canto ao voto. En canto ao orzamento. A media de financiamento para lanzar unha campaña cunhas mínimas expectativas de éxito está nos 100 millóns de dólares. E aí entran os “Packs” (paquetes) e “Superpacks”. Os superpacks son cantidades de diñeiro que as maiores empresas do país aportan para os demócratas ou para os republicanos (en moitos casos para os dous, non vaia ser) sen outro interese que participar na festa da democracia… isto, para quen o crea, é estupendo. Se alguén é tan inxenuo de pensar que unha petroleira/farmacéutica/tabacaleira/ou o que sexa aporta X millóns de dólares a unha candidatura á que logo non lle vai pedir contas en forma de lexislación favorable, ten un problema… ou é inmensamente feliz na súa inxenuidade.

Hillary, co apoio do aparato do partido recadou ate o de agora 262 millóns de dólares dos que 76 proveñen dos “Packs”, o 29% da súa campaña. Sanders é o único candidato -demócrata ou republicano- que non ten un centavo destes “lobbies”. Recadou 185 millóns de dólares de pequenas donacións populares. Non acepta diñeiro dos superpacks porque sabe o que hai detrás. Sen o apoio destes cartos Hillary tería recado 186 millóns de dólares e Sanders 185. Empate.

É dicir, sen o factor de corrección de voto do partido que lle outorga a Clinton un 20% de vantaxe, e sen o diñeiro dos lobbies de presión que lle da un 29% máis de orzamento, as forzas estarían practicamente igualadas para afrontar os 17 estados que quedan en liza.

Todas as contas están en contra de Sanders, pero xa estaban cando empezou, e xa o sabía. Ironicamente, os republicanos non contan con superdelegados e están a inventar fórmulas para parar a Trump, sabedores de que a súa candidatura é un suicidio electoral… nunca chove a gusto de todos, está claro. Pero iso, o dos republicanos, será xa outro artigo, ou novela de ciencia ficción, está por ver.

Te puede interesar