Opinión

Trump, Hillary e Eurovision 2016

Trump saúda ós seus nun acto da campaña republicana.
photo_camera Trump saúda ós seus nun acto da campaña republicana.

As primarias americanas son “Eurovisión 2016”: un grande espectáculo televisivo do que ninguén coñece as regras de votación. Cando vives este proceso desde dentro -as primarias digo- xa ves cousas de partida que son unha auténtica tolemia, e créanme que só citarei algúns exemplos. 

Nunha liña explico a teoría: en cada Estado a poboación vota a uns delegados. Estes delegados están logo obrigados a votar polo candidato “X” nas convencións que os dous grandes partidos celebrarán en xullo, e das que sae a persoa que aspirará á Casa Branca. Isto só é a teoría. A práctica ten mil excepcións a cada cal máis delirante.

O espectáculo comeza oficialmente en Iowa (un estado coa poboación de Galicia, máis ou menos) o 1 de febreiro. Os “iowans” puideron decidir entre 3 candidatos demócratas, e 12 republicanos. Moi ben. En Nova York cuns 20 millóns de persoas, e só dous meses despois, os neoiorquinos só puideron elexir entre 2 demócratas e 3 republicanos. Por que? Pois porque o resto de candidatos estaban xa “fóra da carreira”. Primeira barbaridade. Que pasa se un de Nova York quería votar por Jeb Bush ou por Martin O´Malley? Pois que non pode. Isto solucionaríase cun só día de votación para todo o país, como en case todo o mundo…pero entón xa non sería un espectáculo televisivo tipo -”so pode quedar un”- que xera miles de millóns de dólares. Ao final todo é diñeiro: para as televisións e para financiar os partidos a costa do votante e o escuro proceso de doazóns. Agárrense que veñen curvas. 

A partir de aquí se lles amola ler, aconséllolles que busquen en Youtube: ”John Oliver, Caucus & Primaries”. Hai moitos estudos que falan do colapso do sistema americano pero Oliver faino con gracia, e moitas das cousas que lles vou contar están recollidas aí.

Os famosos “caucus”. Os “caucus” son literalmente reunións de veciños. Poden xuntarse no baixo da casa, da igrexa, no ximnasio do colexio…iso é un “caucus”, nada máis. Quedan pola tarde o día da votación. Chegan a esa habitación. Os veciños demócratas se poñen dun lado, os republicanos do outro e os indecisos e independentes no medio. Discuten un cacho. Se convencen a algún indeciso, este vai para o lado que queira da habitación, e logo votan. O que teña máis veciños, gaña. Ese voto vai a unha furna central e se decide quen gaña o Estado. Podería parecer que isto é a participación do pobo en estado supremo. Pois é ao revés, só un 3% dos republicanos inscritos apareceron nos “caucus” do 2011. Os “caucus” adoitan ser as 7 da tarde un día de semana. Quen pode ir aos “caucus” un día as 7 da tarde? Pois basicamente quen non teña máis que facer, non teña que traballar, obrigas familiares etc.

Non hai “caucus” en todos os Estados. Nuns hai “caucus” e noutros primarias. As primarias serían o máis parecido as nosas votacións, tamén cunha particular lei D´hont que ninguén sabe como funciona. Por exemplo, en Wyoming: Sanders obtivo o 56% dos votos e acadou 7 delegados, e Clinton co 44%  acadou 11. En Louissiana: Trump gañoulle a Cruz polo 3,6% dos votos, e Cruz sacou 10 delegados máis. Misterios da ciencia electoral.

Un dous casos máis abraiantes é Pensilvania. Os republicanos literalmente non saben a que candidato van votar. Elixen 71 delegados, pero deses 71, 54 non están obrigados a votar polo candidato que saíu das furnas. É dicir, o cidadán delega o voto nunha persoa que, á hora da verdade, na convención, non sabe a quen vai votar. É de tolos.

Con todo isto o tema dos “superdelegados” demócratas xa parece do máis normal. Os Republicanos non teñen “superdelegados” pero tamén hai forma de controlar o voto. Se na convención o candidato non sae da primeira votación, moitos Estados liberan aos seus delegados para que voten por quen lles pete…e “voilá”, aló van 6 meses de primarias ao garete.

Ao final os máis sensatos -ou sinceros- de todos son os republicanos de Carolina do Norte. Este ano dixeron: nin caucus, nin primarias, nin farrapo de gaita. Mandamos nós directamente desde o partido aos 28 delegados, que xa nos coñecemos todos, e aforramos diñeiro. Enganar non enganan a ninguén polo menos.

Istes son só algúns dos miles de exemplos do que hai detrás das primarias americanas. Un caos. As primarias son un circo que move miles de millóns de dólares que saen dos petos dos votantes, e pasan logo por riba das súas cabezas sen que os poidan tocar, como na vida misma. Unha aperta aos “eurofans” australianos, por certo.

Te puede interesar