Opinión

Lembranzas

Un artigo de V. Monxardín, tiduado ‘Barbañicidio Permanente’, espertou en min lembranzas de tempos idos porque pra min, igual que pra moita xente da miña época, como parece ser o caso do seu abó, o Barbaña é ‘o noso río’. O ‘Pozo do Inferno’ foi a ‘piscina’ onde aprendimos a nadar a inmensa maoría dos ourensans, dende o centro ó sur da cidade e máis alén dela. Aínda que o nome era o que correspondía ó tramo desde a ponte de M. Macías deica a Molinera de Nivardo López, da que cuasemente soio fica en pé a chimenea que levantaron os albaneles catalás, ó que se lle aplicaba, tácitamente, era ós últimos 100 metros, aprousimadamente, que remataban nas bocas de entrada de iauga pros rodicios da ‘Molinera’. As reixas de proteución destas entradas ocasionaban unha sedimentación de materiales de arrastre que facían que o calado fora o ideal pros que non sabían nadar. No comenzo da presa, pola esquerda do río, xusto onde a fondura era máis grande, había unha peneda grande e chaira, a onde daba un camiño que viña dende o fondo da Villavalencia, na que se artellaban as operaciós de aprendizaxe natatorio. O sistema de aprendizaxe era moi sinxelo e moi efeutivo. Escomenzábase a perder o medo chapuzándose no sitio de menor fondura, a carón da Molinera, onde os máis adiantados ensinaban ós máis novatos os movementos de estremidades, respiratorios, etcétera e despois, en días sucesivos, íanse tirando cada vez nun sitio de máis calado, hastra rematar onde o río cubría a un. Facer isto e sair nadando polos propios medios era ter a ‘reválida’ aprobada. No caso dos posibles indecisos, non fallaba a benéfica axuda, en forma de ‘cariñoso empurrón’, que axudaba ó neófito a mergullarse.


Pra acadar a ‘licenciatura’ había que ir a tirarse das penas da ‘Sila’, unhos poucos metros arriba da ponte do Polvorín, no río que ven de parte do Mesón de Calvos, e que xa deixaba acreditada a suficiencia pra última proba: cruzar o Miño dende a Peneda de Francia deica a Pozanca, onde agora están os pilares do Viaducto.


Por tras da ponte do Polvorín o Barbaña acibe as aguas do regato de Pontón, lugar perto de Barbadás, de moita sona polas claudias, que se fixo tristemente famoso pola riada de 1945, que arrasou, nunha noite, con todo o que atopou ó seu paso, incluídos a Ponte Pelamios ia ponte pequena, feita de perpiaños deitados que comunicaba a Villavalencia coa Praza de Abastos e coas Burgas, no mesmo lugar da que hai hoxe. Iste regato pasaba polos Ponxos -nome que lle vén dos ponxos/poenxos (herbaboa/menta)- a onde ían os máis arriscados ‘esploradores’, a ‘caza’ de ‘cágados’, aproveitando os intres en que as nais ou domésticas lavaban e deseivaban a roupa, na beira do río iá vista da garita de garda do antigo polvorín, no outo do rochedo.


Onde hoxe hai unha pasarela, por riba da presa, había daquela a casa da señora Nieves, propietaria dunha fermosa barca que alugaba, por horas, pra navegar o tramo dende alí á ponte de M. Macías, onde aprendimos a remar infindade de ourensáns. Cando a ocasión o requería había un home, o Mueso, que, desinteresamente, ensinaba ós novatos. E non soio isto, sinon que nos facía redes, con tela metálica da dos mosqueiros, iensinábanos a pescar coelas ó pé da presa.


O río Deva, que tiña un discurrir semellante ó Barbaña, por dentro de Eibar (Guipúzcoa), foi convertido nunca clohaca e despois tapado, de tal xeito que cando o volvín a ver,, millor dito a non ver, despois de vinte anos, fíxome lembrar o meu Barbaña e magoarme de que a iste lle poidese acontecelo mesmo.


Teño cavilado moitas veces, hastra en soños, o que poderíamos fachendear a xente de Ourense si o Barbaña tivese un coleutor a cada marxe, para recoller as augas negras, e unha calzada por riba, sostida por pilares, que fixese de vía de desconxestión do tráfico. Coas ribeiras a onde desuagan os cortellos dos marraus e dos galiñeiros ¡con perdón! Axardinadas e ceibes de mosquitos e demais fauna. E, diante, un río onde poder volver pescar troitas de catro kilos, como as que pescou o difunto Alberto, da cafetería da Alameda, despois da devandita riada. Claro que isto non é máis ca un soño e os soños... soños son.



Te puede interesar