Opinión

O MONCHIÑO

O Xan ia Rosiña levaban dous anos de relaciós e acordaron casar pronto, por que il estaba 'reclamado' por un seu tío que estaba emigrado, e sabían que estaba a vir a 'carta de embarque', como así aconteceu ós poucos días da boda.


Fixéronse as promesas acostumadas nistes casos e, aínda que os dous eran analfabetos, acordaron que il se valería do Catuxo, un rapaz que embarcaba con il pra xunto dun hirmau, e que tiña algo de estudos. Ela, pola súa banda, recurriría ó Andrés, o fillo do muiñeiro, que estivera dous anos no Seminario, pra ler iescribir as cartas.


Ó cabo dun mes da súa marcha, o Xan mandou carta, notificando que estaba traballando no comercio de abarrotes do seu tío e que o Catuxo estaba na oficina dun sindicato obreiro co seu hirmau. Ó mes seginte, dous desde a marcha do Xan, ela mandoulle carta dándolle conta de que, ó parecer, estaba 'alevemente' embarazada e que si a cousa ía a ramo con normalidade, iría dar a luz á vila, á casa dunha hirmá, pra estar millor atendida. Aconteceu como estaba previsto e, aínda que pasaran nove meses da marcha do Xan, algunha 'lingua vespertina' do pobo deixou caer que o rapaz podía ser setemesino.


Ela puxo en coñecemento do seu home que tiñan un neno precioso; que estaban loucos con il, que andaban a buscarlle semellanzas, sin porse dacordo, como se acostuma nistes casos, e que lle ían poñer de nome Ramón, pois asegún o señor abade, acaílle moi bén para honrar a San Ramón Nonato.


Pasaron sete anos. O Monchiño ía facela Primeira Comunión cando a outros rapaces do pobo, cando, de súpeto, apareceron o Xan e mailo Catuxo. Foron a ver á Rosiña e perguntáronlle onde estaba o rapaz, e ó dicirlle que estaba na catequesis, alá foron os dous. Coñecéronse pai e fillo e, ó vir de volta, díxolle o Catuxo ó seu colega: 'O rapaz é moi agraciado, mais é curioso que il e outros tres ou catro cativos se asemellasen coma si fosen hirmaus, e mais tamén había outros tantos distintos, mais semellantes entre si do mesmo xeito'.


Dalí foron á tasca, onde atoparon ó pai do Catuxo, e co que comentaron o chollo. Iste díxolles que, efeutivamente, xa no pobo se decataran da semellanza que moitos rapaces tiñan, curiosamente, co Sr. Abade e co fillo do muiñeiro. Que xa llo consultaran a un frade xesuíta que estivera padricando a Santa Misión, e que lles dixo que bén se botaba de ver a mau de Deus ó facer que se asemellasen ás dúas persoas que mais precuraban consolo pra estas viúvas de vivos. O Xan, non moi convencido, perguntoulle ó Catuxo: '¿E ti,como o vés?' O Catuxo, tal vez giado polo seu subconscente sindicalista, deu a súa opinión: 'Isto amosa a imparable marcha dos tempos. Xa hastra a un pobo cativo, coma iste, chegou a modernidade. Xa nacen rapaces 'en negro', e xa hastra Deus anda adicado á produción en cadea'.

Te puede interesar