Opinión

Madrid e o capitalismo dos amiguetes

A centralización borbónica deulle a Madrid esa fasquía de pequena cidade burocrática e afastada de Europa, centro do sistema oligárquico-caciquil da Restauración que tan ben describiu Joaquín Costa. Unha oligarquía que moi axiña corrixiu o deseño competitivo e exportador dos primeiras propostas de ferrocarrís privados (velaí o Compostela-Carril) pola radialidade con centro en Madrid que define o mapa ferroviario español e o mapa das estradas impulsadas por Primo de Rivera.

O franquismo potenciou Madrid como praza financeira e centro económico. Mais o grande pulo foi o dos últimos corenta anos, coincidindo coa teórica descentralización do poder político. Defíníronse unhas prioridades infraestruturais (autovías e AVE radiais, nova terminal aeroportuaria que custou un billón de pts. ), que non só potenciaron Madrid fronte aos eixos atlántico, cantábrico ou mediterráneo, senón que traballan para o grande lobby construtor-concesional.   

O lobby da distribución eléctrica  recada no seu favor dende un absurdo tarifario que penaliza ao conxunto da industria española e a Galicia como país produtor, mentres favorece aos grandes mercados do consumo domèstico que non producen enerxía, como Madrid. As sucesivas concentracións bancarias priorizan Madrid como praza financeira e vencellan irresolúbelmente poder financeiro e poder político. O proceso de privatización das empresas públicas desenvolvido polos gobernos de González e Aznar concentran o IBEX 35 nos sectores regulados e extractivos que viven do BOE e non en empresas que compiten  en libre concorrencia.

Este esquema transládase aos medios estatais, todos eles madrileños, que construén un discurso que identifica este Madrid do capitalismo de amiguetes coa unidade de España. Botín e Florentino Pérez frustran a operación para galeguizar o capital de Unión Fenosa (2006) e a grande distribución eléctrica presiona a Feijóo para arquivar un plan eólico que beneficiaba aos emprendedores galegos e ao desenvolvemento industrial do País (2009). E, coincidindo coa crise, a presión extractiva dos “lobbies” estatais intensificouse, mesmo concorrendo a actividades e contratacións que antes beneficiaban ás pemes galegas. 
Madrid fagocitou Castela e vai camiño de facelo con Galicia.

Te puede interesar