Opinión

Respectarmos as garantías democráticas

Nunha democracia a loita contra o crime, a loita contra o terrorismo, está suxeita a regras, ha respectar as garantías democráticas. As democracias non poden usar do maltrato físico nin psicolóxico aos detidos e presos. Os detidos e presos seguen a ter dereitos e compre sexan tratados co respecto debido á súa dignidade de persoas. ISIS gaña cando renunciamos á liberdade por unha hipotética seguranza.

A cidadá colombiana residente en Ourense Nibia Cano botou 45 días no cárcere, incomunicada, por unha feble acusación da Fiscalía colombiana que lle deu veracidade ás acusacións dun coñecido sobre a súa suposta pertenza á organización terrorista ELN. Era unha persoa absolutamente integrada en Ourense dende hai máis de dez anos. Que necesidade había de que fose presa preventivamente? E a desproporcionalidade da incomunicación? Unha volta máis ese Tribunal de excepción, emenda á totalidade ao dereito de todos ao xuiz predeterminado pola Lei, chamado “Audiencia Nacional” non respectou a restritiva doutrina constitucional da prisión preventiva.

Hai semanas foron dous cidadáns alxerinos, detidos en Arteixo e Vimianzo cun grande despregamento de medios e publicidade, acusados de seren yihadistas. Todo ficou en auga de bacallau. Serveu, iso si, para criminalizar ao conxunto dos musulmáns. Como tamén semella feble a acusación a nove activistas de Causa Galiza, partido que chegou ser suspendido no 2016 nas súas actividades, malia que a “Audiencia Nacional” volveu autorizalas.

En todos estes supostos a loita contra o terrorismo deu abeiro a actuacións desproporcionadas, acusacións inxustas e maltrato psicolóxico ás persoas. En todos estes supostos, a orixe das acusacións e ordes foron os Xulgados Centrais de Instrución da Audiencia Nacional. Non por acaso continuadora, fixo 40 anos o día 4, do Tribunal de Orde Pública franquista.

En democracia non todo é lícito na loita contra o terrorismo. Os prendementos han ser proporcionados e baseados nunha acusación mínimamente solvente. Queremos un Estado de dereito no que se cumpran as regras de xogo, non un Estado policial.

Te puede interesar