Opinión

Don Albino Núñez Domínguez

Varias razóns lévanme a escribir este artigo, todas elas, para min, poderosas, e todas elas confluentes nun punto: a miña profunda admiración cara a figura de D. Albino Núñez Domínguez. A primeiros de maio fun invitado a un xantar–homenaxe en Ourense ao noso querido mestre. Non puiden asistir, pero envieilles un soneto que lle tiña dedicado facía tempo.

O 16 do mesmo mes recibo unha chamada de Manoli Maseda Sabucedo, que está a preparar unha tese doutoral sobre él. Considera que lle podo aportar datos e recordos. De Don Albino téñense ocupado, entre outros moitos, Xesús Alonso Montero,Víctor Campio,Marcos Valcárcel, Antón Costa Rico e, humildemente, un servidor. 

Teño tido bos profesores, que non vou nomear (coa única excepción de D. Claudio González Laso,que nos preparou dun xeito maxistral e insuperable para o exercicio práctico das nosas oposicións),pois non quero esquecerme de ningún. Pero se dubida algunha, o mellor de todos foi, e segue a ser aínda despois do seu pasamento, pola súa calidade, polo seu exemplo, Don Albino. 

Pasaron moitos anos desde aqueles lonxanisimos Cardeal Cisneros e Estudos de Galicia pero as súas leccións non pasan. Era pedagogo extraordinario. Sabía espertar o interese dos alumnos, administrándolles os coñecementos que el sabíalles podía administrar. Sabia moito máis, pero era humilde, moi humilde, e ía a ensinar non a presumir. Sabía resumir, quinta esenciar, que era unha marabilla.

No seu artigo “El geógrafo Moreno López”, publicado en La Región do 13 de xuño de 1961, e recollido no seu libro “Ensaios e artigos”, escribe referíndose a o geógrafo gaditano, profesor de instituto radicado en Ourense: “Con una prosa impecable y siempre asequible al alumno, logra exponer sus fundamentos, de tal forma que ni falta ni sobra nada de cuanto es indispensable saber. Es tan ponderado en la selección de conocimientos, que nos da siempre la impresión de que aquello es realmente indispensable. No hay una sola línea con el menor indicio de pedantería”. As palabras de don Albino ao seu admirado Moreno López, son tamén o vivo retrato do meu admirado profesor.

Pasados máis de sesenta anos, aínda recordo leccións, frases, anécdotas das súas clases, como se tivesen ocorrido onte. “Mestre de mestres foi inigualable. A súa entrega perdura na memoria e o corazón; xamais será borrada / pola súa vida o ensino consagrada “. 

Te puede interesar