Opinión

Distopía e realidade

Celanova, once da mañá, un mes de pandemia mundial, catro semanas de clausura forzada. Ducha, arranxo de barba, muda de roupa e auga de colonia. Que coño, é domingo de Pascua... E, ademais, vou comprar o periódico, o meu momento diario de “picco la felicitá”. No descanso da escaleira onde está o paraugueiro (a área de descontaminación) deixo as zapatillas e collo as chaves e o diñeiro; poño os zapatos, a cazadora e a gorra mariñeira; enfundo as luvas e coloco unha máscara dos centos que leva fabricado estes días a miña muller. 

Xa na rúa encaro paseniño a praza maior. É un paseo voluntariamente demorado, para gozar a fondo deste precioso día primaveral. Non se ve un alma; e, de repente, tópome de fronte, apenas a catro metros de distancia, coa Natureza máis pura e máis brava: un corzo!... Un corzo que vén a galope tendido pola rúa de San Roque, cos pezuños golpeando estrepitosamente a pedra luída, resoando neste silencio esmagador. O corzo supérame e atravesa a Praza Maior á velocidade do raio. Nótanselle todos os músculos do corpo. Máis que correr parece voar, coas pernas estricadas cara adiante, sen apenas tocar o chan. Ao pasar crin verlle nos ollos de azougue un brillo fugaz,da anguria que invadiu o pobre animal ao toparse, inesperadamente comigo, cun ser humano...

Ata tal punto desaparecemos da face da Terra que incluso os animais máis grandes e desconfiados son quen de invadir os nosos dominios. Quedei conmocionado, paralizado e frío no centro da vila, coa boca aberta detrás da máscara e a mirada cravada no fondo da praza, por onde desapareceu un animal tan fermoso e magnífico. A escena foi certamente máis propia dun mundo distópico que desta realidade que agora nos toca vivir, de películas como “Os doce monos”, “O último home vivo” ou “Son lenda” da novela homónima de Richard Matheson; de filmes que uns cualifican de ciencia ficción e outros de terror, a mesma e inquietante incerteza que nos arrebata o espírito desde que comezou este horror. Mentres o corzo atravesaba a vila, a miña mente trasladouse a un mundo apocalíptico, a un mundo sen humanos, onde a natureza regresa ás súas orixes para facerse cargo outra vez do planeta. Dun planeta que,sen nós, por fin respira. E lembrei os leóns do zoo, gruñindo e movéndose lenta e ameazadoramente pola rúas de Manhattam, mentres o virólogo Robert Neville se prepara para cazar cervos en Wall Street.

Te puede interesar