Opinión

E o Xurés que?

Comezou de novo en Madrid a gran Feira Internacional de Turismo, o enorme espazo onde, entre moitos outros, as comunidades autónomas e as provincias deste reino proclaman aos catro ventos as bondades das obras creadas pola natureza ou pola intelixencia das xentes; e onde cada un intenta, obviamente, sacar o máximo proveito do patrimonio herdado, quer das súas paisaxes, quer dos seus viños, da artesanía e gastronomía ou da arquitectura, xa sexa en patrimonio natural, cultural, etnográfico, edificado, etc. E por esa razón os políticos que alí se presentan fano coa mochila ateigada de marabillas da terra onde viven; para amosarlles ao mundo non só as excelencias e calidades dos seus produtos, senón tamén o bo facer das institucións para poñelos ao alcance da man de todos aqueles que, finalmente, decidan visitarnos. 

Este ano, como non podía ser doutro xeito, a oferta galega céntrase de novo no Camiño de Santiago dada a inminencia do Xacobeo; e a de Ourense incide no Enoturismo e no Termalismo; coincidindo o discurso das dúas institucións, a local e a autonómica, na promoción desa paraxe excepcional que é a Ribeira Sacra, agora, tal e como explicou a delegada da Xunta en Ourense, nomeada BIC, un gran paso de cara á súa declaración pola Unesco como Patrimonio Mundial, subliñando ademais a excelente ocupación acadada o ano pasado . 

Aproveito logo a ocasión para sinalar que na nosa provincia e como resultado do consenso e dun excelente traballo de anos temos un espazo incluído nunha das listas máis afamadas da Unesco: a das Reservas Mundiais da Biosfera, que este espazo compartido con Portugal ao longo de máis de cen quilómetros de fronteira é unha das maiores reservas destas características en Europa, que os seis concellos galegos e cinco portugueses conforman o parque natural máis grande de Galicia e o único parque nacional de Portugal, e que, ademais, este espazo non só goza de todos os recoñecementos ambientais que hoxe pode ter un territorio na Unión Europea, senón que acolle a igrexa máis antiga de Galicia (Santa Comba de Bande), e é un referente do megalítico e do mundo romano coa Vía Nova e un campamento militar único no noroeste ibérico (Aquis Querquennis). Estoume referindo, obviamente, á Reserva Internacional da Biosfera Gerés-Xurés; e, por todo iso, penso que este fermoso e recuado lugar, que hoxe sofre un dos índices de envellecemento e abandono máis atroces de Galicia, tamén debería gozar da atención preferente das institucións e dunha máis que merecida promoción.

Te puede interesar