Opinión

Ourense: estado de sitio

Parte de guerra dun día de mediados de outubro, en plena voráxine incendiaria: Chegou a noitiña e con ela agromaron os nosos máis fondos temores. A aviación e as brigadas helitransportadas pasaron todo o día voando dun lume para outro, buscando un buraco entre os ceos alampados para deixarse caer sobre os incendios que arrasan Ourense. Tan pronto como abriron as bases as nove da mañá xa estabamos reclamando a súa presenza nos lumes que veñen da noite pasada. Que mérito ten esta xente! As 5 da tarde puxéronlle lume na Abeleda de Xunqueira de Ambía, e unha hora máis tarde na Piúca de Maceda. No Distrito XII saltaron todas as alarmas porque de seguido plantaron tamén en Cantoña en dous sitios diferentes. En menos de tres horas e nunha distancia de tan só 8 qms sementaron o terror entre os lugares e as vivendas illadas. Alguén avisa de que pode ser unha manobra de distracción: poñer nos baixos, pé das aldeas, crear confusión, para de seguido atacar os montes e o arborado, aló nos altos. Non é a primeira vez. Espantosa premonición: media hora despois comezan a arder os montes de Castro de Escuadro cara o San Mamede, e tamén os piñeiros da Virxe do Monte de Esgos. Cae a noite e a Negra Sombra espállase sen compaixón por toda a provincia de Ourense. Os medios aéreos tiveron que regresar as súas bases cando eran máis necesarios. Dende o Irixo ata a Gudiña; dende Castro Caldelas ata Vilardevós; dende Manzaneda ao Xurés, bailan as lapas unha danza infernal. Todo comezou nos fins de setembro, aló polo Distrito XIV. Ardía a Mezquita. Que queda da Mezquita? E A Gudiña, Oimbra, O Riós, Viana... En Vences, entre Monterrei e Laza., quedou para sempre envurullado nas lapas malditas aquel aviador da base de Sober. Logo tocoulle nesta rolda infame ao Distrito XI: A Terra de Cea, O Irixo, Oseira, Piñor, a Serra da Martiña. Pero hoxe xa arde todo... Ourense: estado de sitio. Nas últimas 24 horas levamos 34 lumes, ademais dos que herdamos de días anteriores. As 11 da noite atacan de novo. Agora polas terras da Peroxa e de Vilamarín. No Distrito XII cunde o desánimo. Non dan feito. As brigadas están cansas, fartas, queimadas. Non hai xente para afrontar tanta barbarie. Pedimos axuda a outras provincias, seica mandan reforzos de Lugo e de Santiago. Primeiro tócalle a Celaguantes, vinte minutos despois a Reádegos. O suboficial de enlace do exército, testemuña muda deste dantesco espectáculo, non acredita: '¿Y esto a qué hora se termina?', pregunta abraiado. Nunca viu cousa semellante en toda a península. Virámonos e mirámolo cunha ollada esquiva, ateigada de rabia e impotencia. Ourense unha vergoña. Todo o país mira para nós. 'Non se sabe. Quizais ás dúas, ás tres, ou pode que algo máis tarde.' Finalmente aquela tortura rematou ás 4:30 da madrugada. Os incendiarios despois de Celaguantes e de Reádegos pasaron tamén por San Xés, e finalmente chegaron ás extremas de Lugo en Armental. Todos eses lumes enfiados en menos de dez qms. Os axentes forestais, os xenerais de cada unha de estas batallas, percorren de noite a fronte de guerra tentando reorganizar os medios terrestres para poñer algo de orde no caos. As 8 da mañá nace un día de ceos toldados. Unha escuridade sinistra abátese sobre a capital. Ese día traerá 45 lumes novos, o día seguinte 52 máis. Que disparate! Os lumes da noite colleron dimensións estarrecedoras. As frontes de lume avanzan imparables. Apenas hai tempo para apoiarse nas liñas de defensa. Hai que acudir as aldeas. Unha vella enloitada dun daqueles lugares proclama: 'Anda o demo solto. Ímolo tornando. E de noite, velámolo.' O Macizo Central é un volcán. Salvouse o Invernadoiro, o parque natural. Por se fora pouco os nosos “irmáns” da raia mándanos un lume endiañado polos cotos de Fontefría, no parque do Xurés.

Agora vén a guerra das cifras. Entre azuis, roxos, brancos e verdes. Que se a ti che ardeu máis cá min. Que se eu tiña máis medios cá ti. Que se nós somos mellores que vós. Que se patatín, que se patatán. Fastío. Tristura. Levamos vinte anos así.

Xa hai tempo que sentenciaron Ourense. Aló nos altos centros de decisión, onde se reparten prebendas e toda sorte de bendicións. Creamos un monstro que se devora a si mesmo. Inmolación. Xa se fala sen cancelas de lucro e vinganzas. Todos eses malditos, todos eses que levan o inferno nos ollos e a sombra da noite na boca. Que viven todo o ano con nós. Eses dos que ninguén quere falar. Non son máis co produto noxento e miserable dunha provincia agonizante. E cada ano que pasa é pior. Tres mil lumes ao ano en Ourense! Cada vez máis grandes e perigosos, ata que se leven algunha aldea por diante. E así será mentres non nos sentemos todos a falar. A pensar polo miúdo na vocación de cada territorio. Nas súas potencialidades. Na sinerxía das políticas sectoriais. Na planificación territorial. Na solidariedade e vertebración do país. En axudar a todos aqueles que, diariamente, teimosamente, inaccesibles ao desalento, loitan dende minúsculas aldeas por facer fronte ao abandono e a desolación. Para exixir o que nos corresponde, iso do que tanto levamos falado; nin máis, nin menos.

Te puede interesar