Opinión

A residencia de San Rosendo en Verea

O libro de Antonio Rodríguez Baixeras, A historia de Odoyno, publicado este ano 2015, faise un pormenorizado estudio do testamento deste monxe (Odoyno Vermúdez), datado no ano 982, e que rematou a súa azarosa e algo libertina vida en Celanova. Este documento tense, pola súa rareza, pola cantidade de nomes e datos que ofrece, todos certos e contrastados, e pola súa antigüidade xa que data de hai mil anos, como unha auténtica xoia para os historiadores.

Odoyno foi coetáneo de San Rosendo, e era o señor de Santa Comba de Bande e de moitas terras de arredor (tamén de San Salvador de Paizás no val de Ramirás), herdanza do seu avó por concesión do conde Odoario que quizais era irmán de Afonso III o Magno.

O feito de se atopar este documento no Libro Tumbo de Celanova débese a que Odoyno, xa vello e achacoso, decidiu arrepentirse da súa vida pecadenta, recollerse no mosteiro non moito despois de morrer alí san Rosendo, e cederlle á abadía todas as súas posesións, entre elas a afamada igrexa visigótica que contiña o corpo de San Trocado, logo trasladado á igrexa conven- tual de Celanova onde hoxe está. 

Pois ben, entre a valiosísima información que achega Odoyno no seu testamento está a guerra “entre galegos” que tivo lugar posiblemente nas terras da Baixa Limia, e que rematou na batalla do Cerro da Aguioncha (Aquiluntras) de Calvos de Randín, entre o conde Rodrigo Velázquez, o home de armas máis poderoso do seu tempo na que é a Galicia de hoxe, e o conde de Coimbra e señor de moitas terras galegas, hoxe portuguesas, Gonzalo Méndez, fillo da abadesa e todopoderosa Mumadomna, señora de Guimarâes.

O conde Rodrigo perdeu a guerra tal e como relata Odoyno no seu testamento: “Rudericus terga dedit et ad domno episcopo semivivum se collegit in civitate Sabuceto”. Ou sexa: perdida a batalla o conde Rodrigo deuse a volta e medio morto refuxiouse onda o bispo na cidade de Sabucedo. O bispo é claramente San Rosendo, e Baixelas, o autor de tan fermoso e completo estudo sobre a vida de Odoyno, a xente e as súas circunstancias hai mil anos, entende que ese lugar, “cidade” de Sabucedo, propiedade do santo como se acredita noutros documentos, tiña que ser: “un lugar moi próximo ao seu mosteiro de Celanova, tal vez a residencia habitual do propio bispo Rudesindo, un pouco afastada do réxime conventual, pero case pegada a el, e coa posibilidade de ter alí unha pequena corte de axudantes e servidores para as súas tarefas políticas”, que non eran poucas, engado eu.

O poderoso conde Rodrigo era amigo do bispo, foi protector da abadía de Celanova, e o seu fillo Pelaio foi pupilo do santo, monxe en Celanova, e co tempo bispo da antiga sede apostólica de Iria.

Conta Baixelas que ese pequeno enclave de Sabucedo (lugar de sabugueiros), é un nome común a moitas freguesías galegas, pero que, neste caso, podería ser San Salvador de Sabucedo no concello de Porqueira, ou mellor pola súa proximidade a Celanova, San Pedro de Sabucedo en Cartelle. E cita unha serie de documentos do século X que aparecen no Tumbo de Celanova. Atendendo precisamente ao contido deses documentos, hai moitas posibilidades de que ese lugar, residencia de san Rosendo e onde se refuxiou o maltreito conde Rodrigo coas súas mesnadas, non sexa outro que San Pedro de Ourille no concello de Verea, e máis concretamente o lugar arqueolóxico da Cividá, un recinto de doce mil metros cadrados de superficie e a tan só un quilómetro de Carballo, capitalidade municipal. Vexámolo.

Baixelas cita un documento do ano 922 (anterior incluso á fundación de Celanova), onde se conta que dous matrimonios (aparecen os nomes), fundaron un mosteiro e a súa igrexa de San Vicente Levita no territorio entre o Limia e o Arnoia, ao pé do arroio Sorga, xunto á vila da súa propiedade de Sabucedo. E cinco anos máis tarde, no 927, unha tal Adosinda (que tamén aparece no documento anterior), cede unha serie de bens á igrexa (basílica) que remata de fundar na vila que chaman de San Pedro, xunto ao rega- to Sorga e conforme van as augas en dirección ao mosteiro de San Vicente, baixo o Monte Leboreiro. Pero ade- mais (informa Baixelas), neste documento aparece o título: “Testamento de Adosinda de Sancto Pedro de civitate de Sabuceto”. Chama a atención que se empregue o termo “civitate” para designar pequenos lugares que non pasan da categoría de “villa” (as aldeas de hoxe).

Pois ben, no lugar do que estamos a falar está a igrexa parroquial de San Pedro de Ourille, inmediata ao lugar de Sabucedo, no concello de Verea. A igrexa atópase na ribeira dereita do río Sorga que atravesa estes territorios, e, preto dela, augas do Sorga abaixo e a tan só un quilómetro de distancia, está a aldea de San Vicente coa súa capeliña, onde polo que agora sabemos había un mosteiro. Item máis, o que non sabe Baixelas (non ten por que sabelo), , é que xusto do outro lado do río Sorga existe unha paraxe a monte que os paisanos daqueles lugares coñecen dende tempos inmemoriais co nome de A Cividá, ou sexa “a cidade” ou a “civitate” en latín. Así se explica o desconcerto do autor cando se fala da “civitate in Sabuceto” ou “civitate de Sabuceto”. Non se trata dunha “cidade” obviamente, senón dunha paraxe onde nos vellos tempos existiu unha formidable citania ou mesmo un campamento romano, xusto enfronte do castro de San Vicente que catalogou Cuevillas, e que, como vemos, foi aproveitada posteriormente para poñer nela San Rosendo a súa residencia, e por que non unha guarnición armada pertencente ás hostes do conde Rodrigo, para defender o mosteiro das ameazas que puideran chegar da “Galicia do Sur” pola vía romana que pasa alí preto.

Non estaría de máis, sabendo todo isto, que se fixera unha prospección arqueolóxica en tan significado lugar, un xacemento que evoca un dos momentos máis interesantes e sobranceiros da Historia de Galicia. 

Te puede interesar