Opinión

SOLIDARIEDADE CONTRA OS INCENDIOS

Xullo, 2013. Xa sabemos que agora hai poucos incendios, inda que nos abrasemos neste forno ourensán con máximas que superan incluso as de Sevilla, Córdoba ou Huelva (anomalía climática que ninguén entende). Porque nesta época esa 'selva' que medrou esta primavera aínda está moi verde, hai auga abondo na terra logo de rebordar as fervenzas do ceo durante meses interminables, o ar móvese modosiño con este bochorno que nos esmaga, e tamén está a seitura sen facer en moitos lugares. Outra cousa será aló por agosto e setembro, mesmo outubro, que un mixto pode estragar centos de hectáreas nun mal día.


E, con todo, xa comezamos a detectar os sinais alarmantes de sempre: a intencionalidade, a maldade, a brutalidade, o desacougo que nos entra cando nos decatamos de que os mesmos de sempre, ¡anos que levamos!, xa comezan a espertar do fondo letargo invernal; para nos ter correndo dun lume para outro todo o verán, para debullar canto monte, terra, soutos e carballeiras se lles poñan por diante, para amatar canto animal, grande, pequeno ou diminuto teña a desgracia de caer dentro do seu radio de acción criminal, para pór en grave risco as propias vidas humanas que aínda está moi recente a morte estarrecedora dun dos nosos compañeiros. Pero dá igual, eles seguen e seguirán mentres vivan..., ¿ou non?


Estamos cansos logo de tantos anos de loita desigual. Como é posible que unha provincia como a de Ourense teña que padecer, sen remedio, impunemente, durante tanto tempo e sen que se dexergue solución algunha, entre mil e dous mil incendios todos os anos. Que disparate! Galicia, e xa non digamos Ourense, é unha mancha negra (negra como a cinza máis negra e a conciencia dos pirómanos) no histórico dos lumes europeos; qué digo de Europa, do mundo enteiro! Se queren poden visitar a páxina web do EFFIS (European Forest Fire System) da Comisión Europea, e comprobarán abraiados esta lamentable realidade. Só algunha outra pequena área en Sicilia, ou na Campania e Calabria italianas, así como os nosos veciños do norte de Portugal (home non), presentan un currículo incendiario tan atroz. Que é o que pasa? Agora non hai lumes, ou moi poucos, pero xa detectamos as mesmas miserias e as mesma maneiras de sempre: Hai unha semana entre as 3 e as 4 da tarde saíron tres lumes no Pereiro, a penas un par de quilómetros entre eles, os únicos de todo o día; qué casualidade! E hai poucos días puxeron (alguén puxo) tres lumes de noite en Piñor, entre as 11 e as 12 da noite, moi próximos e tamén os únicos de todo aquel día. E en Laza prenderon ao pé da estrada, de tal xeito e con tan mala intención que de non chegar os medios a tempo levábase por diante un inmenso piñeiral. Qué pretenden estes individuos, estas sombras agachadas na noite, estes covardes sen cara dispostos a nos amargar a vida, veña quen veña e goberne quen goberne?


É xusto e entendible que se reclame dos gobernos e responsables da cousa mais e mellores medios na loita contra os lumes, máis formación e profesionalidade, mellor coordinación, modernos equipos de protección, máis seguridade. E tamén somos conscientes de que o mundo rural esvaece e que os campos, eidos, agras e herdades de outrora afunden no mato que todo o invade. Pero hai algo que non muda, que segue teimosamente con nós: a mesma calaña, a mesma sensación de impunidade, a mesma xenreira, a mesma estupidez. ¿Por que será que a todos estes infelices se lles dá por arremeter contra a natureza e a finca ou o monte do seu veciño? ¿Non terán outras cousas na súa triste vida sobre a que dirixir tanta amargura?


Resulta evidente que, como en tantas outras cousas desta crise que nos abrasa aínda con máis virulencia que o sol infernal deste verán, temos en Galicia, en Ourense, un déficit crónico de educación, de sensibilidade, de solidariedade, porque se todos estiveramos dispostos a colaborar na loita contra os incendios forestais, se foramos conscientes do enorme dano que ocasionan, se estiveramos dispostos a denunciar a estes canallas, outro galo nos cantaría, e poderiamos investir o enorme capital humano e orzamentario que destinamos aos lumes a cubrir moitas outras das nosas necesidades.

Te puede interesar