Opinión

Santiago Prol, fillo sobranceiro de Maceda

Este ano quero lembrarme da chea de persoas que teñen contribuído a que Maceda se sitúe no mapa da investigación, estudo, cultura, deporte e outros areas da vida. Unhos máis coñecidos e outros non tanto que teñen contribuído de xeito diverso a actividade, a arte e a memoria de Maceda. Algúns dende a súa formación máis erudita por estudos, preparación e formación, outros por compromiso ca realidade, e algúns contan co don natural ou arte propio polo seu carisma, capacidade, experiencia, e aquí hai que incluír a unha moreira de persoas anónimas sen curriculum convencional pero que achegaron e fixeron aportacións importantes de interese a memoria colectiva de Maceda.

Así podemos recordar que a sabedoría profesional, artística e cultural xerábase e transmitíanse polos gremios profesionais: albardeiros, zapateiros, canteiros, ferreiros, segadores, viñateiros, muiñeiros…, que polas súas habilidades foron capaces de facer os seus traballos e acompañalos con toda unha chea de actividades festivas-culturais que forman parte do patrimonio inmaterial dos pobos.

En Maceda, entre os que lle podemos chamar eruditos, coñecemos e temos referencias de persoeiros que xa son históricos vinculados a Maceda como foi Alfonso X O Sabio, o navegante João de Nóvoa, García Mosquera, Benigno Alvarez, Xosé Gómez Gayoso, Xosé Lois Parente, Manuel Vidal, cardenal Quiroga Palacios, moitos destes temos o nome en rúas e prazas.

Outros máis recentes deste século, como os fillos predilectos Francisco Carballo e Paco Nóvoa, outros como Xoán Babarro, os vinculados o deporte como Xulio Conde e Pablo Rodríguez e demais corredores, os vinculados a música do Fuelle, no que xoga un papel importante Tito e Outeiriño, ou os escritores achegados como son Moncho Caride e Alberto Canal, ou a memoria histórica dos médicos Pascual, Manuel Blanco e José Manuel Lage.

Pero hoxe, voume centrar en falar de Santiago Prol, amigo dende a infancia e compañeiro de tantas aventuras e proxectos co que comparto ideas, ideoloxía e xeitos de ver o mundo, e que leva todos os dias Maceda na cabeza e no corazón. Estudoso, investigador, escritor, dinamizador e promotor de todo o vinculado a Maceda; sempre na procura da dignificación das súas orixes e dos fillos egrexios de Maceda. E, polo tanto un macedán de “pura cepa”.

Conta cunha extensa obra: “João de Nóvoa: un mariño galego ao servizo da Coroa Portuguesa”, “Conversas co histórico e nacionalista Francisco Carballo”, “Xosé lois Parente: poeta e galeguista na II República”, “Benigno Alvarez: un comunista na Galiza dos anos 30”, “As caras do entroido ourensá”, “Manuel Vidal: un presbítero ilustrado de Maceda”, “Os Felos de Maceda: enigma ancestral e cosmopolitismo”, “Nobres de Maceda vencellados o Castelo”, “Quiroga Palacios: Traxectoria vital e pastoral”, “O poemario Alga e Fungo”. Comisou e promoveu varias exposicións de Benigno Alvarez, de João de Nóvoa e do Cardenal Quiroga e fixo de manteñedor de varios roteiros de Francisco Carballo, así como unha chea de artigos publicados nos medios e outros proxectos no que está a traballar.

E agora, acaba de publicar e presentar o libro de Conversas co Bieito. Libro que me convenceu e animou a facer, e polo que lle estarei sempre agradecido. Por toda esta implicación, obra e participación creo que é de xustiza e merecedor do recoñecemento de Santiago Prol como fillo sobranceiro de Maceda. E débese facer unhas conversas con él.

Parabéns e grazas Santi!

Te puede interesar