Opinión

Bacelos de Prata

Afinais do século XVI, don Juan Sánchez de Ulloa sentado no Pazo de Esposende, ao pé do lume, facía acopio das rendas percibidas dos seus vasalos. Entre outras mercadorías, varios bocois de viño tinto e branco, que de todo había, xunto con oito touciños e outros tantos xamóns, tres cabritos, seis carneiros, dez galiñas, oito capóns cebados e un axumbre de bo mel, que serían, calculo eu,  como catro cuartillos do suculento néctar libados nas flores da súa xurisdición.

Tres séculos e medio despois, en 1936, neste mesmo espazo, nace a Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia –a UCRA-  coa pretensión de modernizar as técnicas na elaboración do viño, velar pola súa calidade, loitar contra as actividades fraudulentas de comerciantes que se amparaban no bo nome do Ribeiro, procurar espazos para a súa comercialización e identificar os viños coa cultura e lingua galegas.

Foi anfitrión don Álvaro das Casas, que da nome a Asociación que fai entrega dos Bacelos de Prata este 21 de decembro, a dúas empresas agrarias que optan polo emprego do galego na súa actividade cotiá, na súa publicidade e, como non, nese extraordinario vehículo de comunicación que chega individualmente a cada mesa mesas: as etiquetas dos seus produtos.

Estamos a falar de Queixerías Bama, que diariamente procesa cincuenta mil quilos de leite para convertelos nuns exquisitos queixos amparados pola Denominación de Orixe Arzúa Ulloa, ademais dos xa tradicionais Queixos de Tetilla e Queixo Fresco. Emprazada no concello de Touro, os vales dos ríos Ulla e Tambre alimentan as vacas que responden ao chamadoiro de Ratina, Cereixa, Marela, Pinta, Cuca ou Luceira que pastan na Braña do Lonxe, Agro da Carballa ou na Fonte do Mouro. Que menos que trasladar esta riqueza idiomática ao produto final.

Tamén Solaina Minei, unha empresa agraria que logrou evitar o que parecía inevitable, a desaparición dunha aldea que logo de séculos producindo viño, estaba nos últimos estertores dun rural decadente. Foron quen de converter setecentos cachos de abandono nunha gran viña que fala galego, recuperando a economía, a paisaxe, a lingua e, como non, a autoestima. En cada culeiro caben nove queipos de Treixadura, Godello, Sousón ou Brancellao, que así as chamaron os nosos antepasados ás uvas, e así chaman a este viño nas Bouzas de Castrelo de Miño: Nove Queipos, na honra desas mulleres que levaban o almorzo á viña nestes tradicionais cestos que logo habían servir para encher os culeiros na vendima. Que menos que trasladar esta riqueza idiomática ao produto final.

Desta volta, tamén se recoñece o labor da IXP Pan de Cea e da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega). Porque estamos no convencemento de que este camiño de preservar o idioma é máis levadeiro se as institucións nos acompañan.

Te puede interesar