Opinión

Cribado mal convocado

Con doce trienios de funcionario, podo asegurar que desde as administracións públicas moitas veces comunicamos mal. Se che dan a razón por unha reclamación presentada, recibirás unha carta que remata así: "Contra esta resolución poderá vostede interpor recurso no prazo de... bla bla bla". Terás que ler a carta dúas ou tres veces para entender que che deron a razón, que é positivo para os teus intereses, pero o texto final ocasiona unha contradición mental transitoria: Se me dan a razón, para que me invitan a presentar recurso?

Esoutro día recibimos mensaxes vía SMS os tres membros da miña casa con este texto: Cribado Sergas. Cita TEST de Antíxenos: 24/01/2021 15:30. Expourense. Persoa XXX Data de nacemento XX/XX/XXXX. Acudimos os dous que estamos en Ourense. Meu fillo, por razóns laborais, está en Vigo, e non pode (nin debe) saír. Hai seis meses que non compartimos mesa e mantel, por precaución covid. Pero non pode xustificar a súa ausencia por que: “O remitente non admite respostas”. Cos seus trinta anos quedará, o pobre, “encasillado” entre eses mozos “insolidarios”

Haberá, por tanto, bastantes persoas que por diversas razóns non puideran ir. Pero quizais acudise máis xente se a mensaxe convocando fora algo máis clarificadora. Por exemplo : “Debe saber que os cribados permiten detectar persoas que son portadoras covid sen sabelo. Anímese a participar”. Incluso, ás persoas “maiores” poderían chamalas directamente, para evitar temores.

Púxenme na cola, e como non son tan listo, non lle puiden aclarar ao meu predecesor as súas dúbidas se nos ían sacar sangue, se a mostra era de saliva, ou se meterían ese interminable bastoncillo polo burato de estornudar, como ao final fixeron. Aos que fixemos a mili, danos igual: “Valor, se le supone”. Ben atendidos durante o cribado, un exultante mozo comunicaba a cadaquén o resultado individual da proba: -Negativo! Aínda dubidas uns segundos, pois a acepción de “negativo” como cousa positiva ocasiona outra contradición mental transitoria.

O caso é que resulta díficil crer que teñamos en Ourense un 36% de insolidarios. Entre xente que non pode acudir por diversas razóns, persoas que non entenden ben a “telegráfica” convocatoria nin para que vale ou incluso temerosos do asunto ese dos “antíxenos” pois igual o numero de “pasotas” e “negacionistas” quedaba reducido ao 10%. Se as razóns son outras, mal imos. Así que prefiro pensar en que quizais comunicamos mal. Penso eu, cos meus doce trienios de funcionario.

Te puede interesar