Opinión

O río Barbaña cambia de padriño

Na Confederación Hidrográfica Miño-Sil remata a etapa de Francisco Marín, un galego de adopción nacido en Linares (Jaén) que hai tres décadas aterrou en Galicia onde foi quen de demostrar a súa gran capacidade de traballo e alta cualificación técnica. Deixa iniciada a contratación da «redacción» do proxecto da segunda fase de depuración do Río Barbaña e mellora da Estación Depuradora de Aguas Residuales (EDAR) de San Cibrao das Viñas, que non é pouco, pero estamos preocupados, pois os prazos previstos farán que isto non sexa realidade ata 2025, como pouco.

Teñen un ano para redactar o proxecto, e supoño que un ano máis para exposición pública e resolucións das alegacións ao proxecto, un ano para licitación, adxudicación e inicio das obras e tres ou catro anos para entrega obras e posta en funcionamento. Falamos do 2025 máis menos, en que celebraremos o centenario da proposta municipal do alcalde Matías Bobillo Bobillo de “Reforma y complemento del alcantarillado y construcción de un colector general en el Barbaña por importe de 750.000 pesetas”. Cantos vertidos deberemos soportar durante estes seis ou sete anos? Se seguimos con un mínimo de dous vertidos ao mes, estamos falando de 150 vertidos antes de que se poña en funcionamento a nova depuradora? Estamos dispostos a aguantar 150 vertidos máis?

Para as xentes de Seixalbo, o presidente da Confederación é como o “padriño” do río Barbaña. Supoño que para o presidente da Confederación, o río Barbaña é ese afillado revoltoso que da tantos quebradizos de cabeza. Francisco Marín xa o sabe, e José Antonio Quiroga non tardará en sabelo. Ao novo presidente da Confederación, pediríalle que centre os seus esforzos en intentar paralizar estes vertidos. Que busque ao infractor. Que poña todos os medios posibles en localizar ao delincuente. Hai que cortar o problema na súa orixe. Hai que evitar que se produza a agresión ao río. Hai que pararlle os pés ao agresor en vez de estar curando permanentemente as feridas do agredido. É coincidindo cun editorial de La Región de hai uns días, gustaríanos ver a cara do delincuente.

Non é máis limpo quen máis limpa, senón quen menos mancha. Non parece crible que a estas alturas do século XXI non exista tecnoloxía suficiente para saber de onde proceden os vertidos. Non sei que estará a facer a estas horas o presidente da Confederación do ano 2025, e seguramente o presidente veciñal daquelas estea aínda estudando no CEIP de Seixalbo. Pero non podemos deixarlle esta carga. Os que estamos agora, non podemos permanecer calados diante tanta impunidade.

Te puede interesar