Opinión

Témolo aquí, do noso, en galego

Este sábado reunímonos en Compostela a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros arroupada por unha parte importante dos concellos de Galicia. Tentamos incentivar a produción e o consumo de produtos que contribúen ao noso desenvolvemento económico, así como o mantemento da identidade mediante o etiquetado en galego.

Os homes e mulleres que producimos alimentos somos herdeiros dunha historia, dunha cultura e dunha tradición, que significa un gran privilexio pola riqueza herdada, máis unha grande responsabilidade pola herdanza que debemos deixarlles aos nosos descendentes.

Ao longo dos tempos, grazas á teimosía de centos de familias, creamos alimentos de calidade que penetraron nos máis exquisitos mercados internacionais. Agora, xunto coa calidade dos nosos produtos agroalimentarios, fixemos aparecer outro elemento singular: a identidade como elemento diferenciador que pode dar un valor engadido nun mercado cada vez máis culto e selecto.

A utilización do galego na etiquetaxe das bebidas e alimentos arrincou timidamente en contadas empresas familiares, e hoxe forma parte xa do patrimonio inmaterial do noso legado, como estratexia comunicativa que marca a diferenza nos mercados. O que debería ser normal, comeza a ser normal.

A presenza da agricultura, as transformacións artesanais e a industria agroalimentaria é fundamental para as comarcas, non só pola súa contribución ao desenvolvemento económico das mesmas, senón porque se trata dunha actividade especialmente vinculada á terra, que permite fixar e manter poboación no rural, garante a súa pervivencia como núcleo social e asegura o futuro mediante o relevo xeracional para o noso medio rural.

Tamén actúa como defensa dos circuítos curtos de comercialización: si consumo alimentos de aquí, producidos aquí, as materias primas e os produtos terminados circularán polas canles de proximidade, para satisfación do sector primario local, do comercio local e, en definitiva, da economía local.

E temos que buscar a excelencia. Hoxe xa non abonda con falar de calidade. Manter a competitividade necesita doutros valores que debemos incorporar aos nosos produtos, elementos diferenciais exclusivos, inimitables e inexpropiables. Velaí a importancia do idioma.

Cómpre a colaboración de todos: produción, elaboración, promoción, comercialización e, evidentemente, do consumo. Non podemos desaproveitar todo o que levamos andado. Temos historia. Temos sabedoría. Temos intelixencia. Témolo aquí, do noso, en galego.

Te puede interesar