Opinión

A conciencia de sermos nós

Opinión

A conciencia de sermos nós

Don Miguel de Unamuno dicía que quen non ten recordos non ten esperanzas. Outro autor, que arestora non lembro, afirmou que os recordos existen –deformados ou non- e piden audiencia, foro propio, escenario no que se manifestar. No meu caso, ratifico as afirmacións expostas. A necesidade de termos un relato biográfico preciso e coñecemento da contorna física na que un botou raíces contribúen a mellorar a autoestima e vivir en harmonia co medio e a nosa historia. Por iso acudo con certa frecuencia aos eidos dos meus ancestros. Ali, a realidade circundante proporciónanme evocacións revitalizadoras.

Esta aldea na que está a casa familiar chámase Mourigade no concello de Cuntis. A etimoloxía do topónimo vén do nome dun posuidor medieval chamado Mauregato. No século VIII hubo un rei con ese nome. Xa que logo, o topónimo ha de ter máis de mil anos. Posiblemente xa existise en tempos do mosteiro de San Miguel de Couselo en 1064 construído na aba do monte Xesteira. En Galicia só hai tres entidades locais co mesmo nome, en Cuntis e nos concellos de Ames e Ponteareas. Se esta orixinalidade xa é de seu importante, éo aínda máis o feito de que a nosa casa familiar fose construída polo meu avó parterno, Manuel González Cernadas, sobriño-neto de Diego Antonio Zernadas y Castro, máis coñecido como o “Cura de Fruime”, un cualificado precursor do galeguismo de fins do século XVIII. O orgullo polas miñas orixes é evidente.

Pero se a isto lle engado que meu avó foi mestre no oficio dos arxinas de dúas figuras do movemento revolucionario galego -Enrique Liste Froján e Xoán Xesús González- , xa non teño dúbidas para sentirme parte integrante da historia do pais. O primeiro, nado en Piso, parroquia de Arcos de Furcos, dato biográfico apenas coñecido, pero que el mesmo confirmoumo en 1985, e Xoán Xesús González, natural de Sebil (cúmprese este ano o 125 aniversario do seu nacemento), que mentres exercía o oficio de canteiro estudou maxisterio e logo,máis tarde, fixo Dereito, partillando despacho laboralista en Compostela con Luís Seoane, ao tempo que fundaba a Unión Socialista Galega.

Pois ben, ambos os dous, por moitas coincidencias debidamente constatadas, deberon traballar na construción da nosa casa familiar asentando os perpiaños das lumieiras, agullas e tranqueiros e na ben aparellada cachotería das súas paredes.A mesmas mans deberon poñer en pé a construción do pombal circular con máis de douscentos setenta nichos. 

Unha xornada ao pé do lume co minuteiro das faiscas producido polo lume das achas de carballo, permítenme rememorar naquela tranquilidade ambiental a importancia que ten saber de onde vimos.

Estou segurísimo de que moitos dos veciños de Mourigade descoñecen esa sucinta historia que lles conto. Non son excepción, degrazadamente. Esta eiva é moi común en Galicia. De aí que moita xente abrace causas alleas e desprece a súa propia historia, maltratando a paisaxe.

A falta de políticas incentivadoras de pedagoxías incorporadas ás correctoras dos desequilibrios territoriais, que teñan como protagonistas ás persoas, son as que provocan a descohesión social e os esgazamentos da identidade. Discutín en moitas ocasións con rexedores municipais sobre os desacertos de dedicaren partidas orzamentarias destinadas a manter nos veráns colonias de rapaces dos pobos saharianos, ao tempo que se desenten dunha realidade próxima: o 20% da poboación infantil galega do rural galego que vive en risco de pobreza. Canto mellor lles sería artellaren unha rede de colaboracións entre os concellos do interior de Galicia e os da costa, para faceren intercambios de escolares en épocas de vacacións, dirixida por profesionais que asesoren estes proxectos pedagóxicos. Sería a mellor maneira de conseguirmos que as novas xeracións coñecesen con reciprocidade mellor o pais, educándoos no respecto polas tradicións, fomento e coñecemento da lingua galega, pensando sobre todo nos nenos e nenas das cidades, que están desgaleguizados. Experiencias pedagóxicas que en 1934 puxeran en prácticas os “Ultreia”, o grupo xuvenil galeguista dirixido polo profesor Álvaro das Casas.

O fomento do coñecemento é a mellor maneira de garantirmos a pervivencia da identidade galega con todas as manifestacións orixinais que a definen. Galicia precisa dunha renovación pedagóxica urxente para evitar que nos esluamos na globalización. Os concellos e comunidades educativas teñen que botarlle unha pensada a esta tarefa inaprazable. Cómpre que consolidemos a memoria individual e colectiva.