Opinión

o derradeiro viaxe

Estou a releer o libro 'Cosas de Orense', unha edición que o Concello ourensán editou como homenaxe a don Florentino L. Cuevillas no ano 1969, feito nos talleres de La Región, daquela na rúa Cardenal Quiroga, hoxe Alejandro Outeiriño Rodríguez, e que recolle artículos en castelán publicados niste xornal. Unha verdadeira ledicia, como non podía ser doutro xeito.


E o lembrar a don Floro, a don Vicente Risco, a Xaquín Lorenzo 'Xocas', venme ao maxín o derradeiro paseo que o señor de Trasalba, grande amigo meu , fixo no inverno polas rúas da cidade na miña compaña. Era o mes dos Santos cando o Orfeón 'Unión orensana' celebraba como tódolos os anos a súa semana cultural.


Don Ramón xa non estaba para moitas lerias. As pernas xa non sostiñan aquel inmmenso corpo que deus lle deu. Por iso, e como íl non quería faltar a súa cita anual na cátedra galeguista do Orfeón, por onde pasaran perante os anos anteriores e nos posteriores, os persoeiros máis sabios, bós e xenerosos, que deu a nosa Galicia no século pasado.


Álvaro Cunqueiro, Vicente Risco, Fernández del Riego, Carballo Calero, Sebastián Martínez-Risco, Paz Andrade, Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Amable Baliñas, Illa Couto..., asemade dos intelectuais ourensáns, galeguistas ou non, cregos, médicos, xornalistas..., e aos que tiven sorte de tratar e ata de intimar. ¡ Qué tempos aquiles perante a 'longa noite de pedra', e na que no Orfeón o que quixo facelo, sempre puido no idioma de Rosalía!


Mais o que íamos. Houbo que baixar -o meu fillo maior e un amigo meu- en andas ao mestre, pois como xa dixen as pernas non lle respondían, e subir aquelas escadas que él, sempre que o visitaba de cotío, ao se despedir, espetábame: 'Rego, teña coidado, pois estas son as escaleiras peores de Ourense'.


Levámolo ao Orfeón onde impartiu perante dúas horas a derradeira e maxistral, coma sempre, a súa conferencia. Xa non vivía a súa dona , e Don Ramón estaba moi triste.


Ao remate collimos de novo un taxi e paseámolo polo Progreso, o Paseo , rubindo por Capitán Eloy pra coller a dereita a rúa da Paz. Don Ramón ollaba , como se o presentira, ás xentes, os comercios cos escaparates iluminados, a castañeira na esquina do paseo, a rúa de San Miguel... Houbo que subilo de novo o andar no que vivía e elí finou cando pouco tempo despois lle chegou a súa hora.


Ao sentar na sala eu regaleille en nome do Orfeón unha fotografía ampliada da súa dona Fita, co marco en prata. E emocionouse o meu admirado mestre en tantas sabedorías e no amor a Galicia.


'O Rego é carlista e eu son liberal', dixera nos dous homenaxes os que asistíu e que me dera o Orfeón. E ollando cara o meu fillo -Q.E.G.E- díxolle: 'Rapaz, que sexas un bó galego, e un bó cristián', ao que meu fillo asentíu e cumpriu, dende a súa militancia tamén no carlismo.


Deixamos alí ao mestre de Trasalba, onde tamén o visitaba moitas mañás e tardes e falabamos (boeno, falaba él, e eu aprendía e escoitaba) do diviño e do humán.


Foi aquel serán o derradeiro que don Ramón paseou polo seu Ourense, do que era entre tantos títulos e admiración dos ourensáns, o cronista oficial da cidade, gracias a unha moción que eu presentei no Concello , totalmente en galego, coido que a única perante o franquismo.


Teño no meu despacho unha fotografía na balconada traseira da Casa Grande de Trasalba o día que o temporal tumbou a árbore que plantara seu pai cando il nacera e de cuia madeira se fixo o cadaleito onde hoxe agarda a resurrección, na que íl creia, no camposanto de San Francisco.


Deus terao ao seu carón , pois asemade de bó e xeneroso, foi un creinte sen chata.

Te puede interesar