Opinión

Gómez Román, arquitecto e galeguista

O día 9 de novembro de 1964 falecía en Vigo o arquitecto Manuel Gómez Román, o ‘ensoñador de novas Compostelas’, como o denominou Otero Pedrayo. As súas obras demostran a fidelidade a unha maneira de construír coforme aos cánones dunha tradición arquitectónica herdada. Soubo fixar a súa atención no ciclo arquitectónico medieval e do noso barroco; ciclos que son o trasunto do mesmo nervio histórico de Galicia. Sensibilidade que completou cun coñecemento doutras correntes: do modern style, do art nouveau, do jugendstil, que soubo conxugar coas maneiras autóctonas, como nolo recordan Xaime Garrido Rodriguez e Xosé María Ramón Iglesias Veiga, estudosos da súa obra.


O seu propósito foi conservar a arquitectura tradicional galega nas etapas da vida cultural cun sentido de continuidade. O seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, que non puido pronunciar por prohibilo a autoridade gobernativa que se opuña a que as intervencións fosen en lingua galega, di: ‘Penso que isto é indispensable para que perdure a enxebreza que inspirou aos nosos devanceiros nas súas concepcións, e que servíu para que a nosa arquitectura tivese un destacado e singular valor no panorama xeral desta arte’.


O discurso arquitectónico de Gómez Román incardínase no da regaleguización do País pola que traballou e loitou mesmo na clandestinidade. Con anterioridade foron varios os ámbitos nos que se debateu esta preocupación pola conservación da nosa arquitectura. En 1918 a Asemblea Nacionalista celebrada en Monforte de Lemos declarou a ‘soberanía estética da Nación Galega’, que se exercerá, dicían ‘sobre as construcións urbás, ditándose unha lei que obrigue aos propietarios a axeitaren o estilo das súas construcións ao estilo xeral de cada vila’. Posteriormente, o Primeiro Congreso de Economía Galega celebrado en Lugo en 1925, volveu insistir no mesmo obxectivo, que logo continuou o Seminario de Estudos Galegos.


A preocupación das instancias culturais do galeguismo de preguerra non tiveron continuidade, abríndose un período de desfeitas tanto no noso rural como nas cidade e vilas. No rural, porque esnaquizaron o hábitat galego, derrubando as vellas casas no canto de reformalas, construíndo outras de mal gusto, que deron pé ao chamado ‘feismo’. Nas cidades e vilas, porque os concellos deron autorizacións para guindaren edificios de gran valor arquitectónico e reemprazalos por outros espantosos. Hai que lamentar que nos últimos trinta anos de concellos democráticos os gobernos municipais desaproveitasen a ocasión para planificar a organización territorial e protexer a nosa arquitectura tradicional.


Foise o tempo e con el as oportunidades de refacermos Galicia. Ocasións hóuboas. Pero desaproveitáronse para reconducir a situación. As novas tecnoloxías ofrécennos ferramentas como as infografías para facer reconstrucións ideais e divulgalas creando deste xeito modelos a imitar, e valéndonos da pedagoxía evitar os atentados continuados ao noso patrimonio arquitectónico. Gómez Román albiscaba esa pedagoxía con estas palabras: ‘Sería ben espertar nas xentes a sensibilidade; de aí sairían, sen dúbida, as normas para poder realizar a nosa aportación con signo propio e peculiar á Arquitectura moderna. Se tal acontecera estariamos no camiño de podermos facer que Galicia puidese aparecer con destacada e singular prestancia’.


O Foro E. Peinador e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, para recoñecer o legado arquitectónico e galeguista de Manuel Gómez Román, colocarán unha placa conmemorativa do 45º cabodano do seu pasamento nun dos edificios emblemáticos da rúa Montero Ríos de Vigo que el proxectou.


(*) Presidente do Foro E. Peinador

Te puede interesar