Opinión

MAIOS EN LEIRO

Conta Clodio González Pérez, etnógrafo de recoñecido prestixio, que no Concello de Leiro celebrouse por última vez a festa dos maios a principios da década dos anos trinta do século pasado. No seu libro 'A festa dos maios en Galicia' reproduce unha fotografía que reflicte a gran participación que debeu ter a festa na comarca do Ribeiro. Descoñecemos as causas que determinaron que non se volvese convocar. Posiblemente fose a emigración masiva desa década unha delas. Do ano 1931 é esta estrofa: ' Levántate maio/ímos a outro lado/que estes señoritos/non dan un chavo'. Porque os maios critican a uns e a outros, ao Alcalde, ao crego e a quen se lles poña por diante. Todo dito con elegancia poética e métrica coidada. O rexoubeo ten que ser fino para que o 'maio' sexa merecente do aplauso do público e do xurado que outorga os premios.


Sábese que o feitío dos maios en Leiro era cónico-piramidal, feito por paus curbertos con pólas e musgo, pero descoñécese a música das coplas. Non atopamos aínda alguén que nos dese razón dela. Mais isto non impedíu que a Asociación Álvaro das Casas recuperase a tradición dunha festa con tanta raigame en Galicia. Desde entón, nas sucesivas convocatorias, foise incrementando o número de grupos participantes procedentes de distintos concellos da comarca do Ribeiro, grazas ao entusiasmo de moitos mestres dos colexios públicos, que saben tirar proveito das posibilidades que ten a festa para a didáctica escolar, coordinados polo profesor e director da coral de Leiro Celso Domínguez, que é o argallante da festa.


Recuperar unha vella tradición esmorecida é sempre unha tarefa grata; máis aínda cando se observa receptividade na comunidade escolar á que vai dirixida. Isto vén demostrar que o imaxinario popular está vivo no maxín das nosas xentes, dispostas a reencontrárense coas tradicións. Pero para que ese obxectivo teña éxito é imprescindible a colaboración dos mestres e tamén das asociacións parroquiais de todo tipo (de veciños, de montes en man común?), que deben apoiar esta iniciativa cultural.


Aínda que os protagonistas dos 'maios' son os nenos e nenas en idade escolar, nela tamén participan os adultos, país e avós, que acuden masivamente con eles ás prazas das nosas vilas onde se celebran as festas.


A Asociación Álvaro das Casas coa colaboración do Concello de Leiro e Deputación Provincial vén de convocar a VIII edición da festa , que se celebrará o próximo día 8 de maio ás 12:00 horas na praza da Vila. As bases pódense consultar en www.galeguizargalicia.com.

Te puede interesar