Opinión

No Couto Mixto cos novos xuíces

Opinión

No Couto Mixto cos novos xuíces

Pódese imaxinar vostede, lector ou lectora, que houbese un lugar onde os seus moradores puidesen ter nacionalidade segundo a súa conveniencia? Pois si. No Couto Mixto os veciños o día do seu casamento tiñan o privilexio de escolleren nacionalidade. Os que querían ser portugueses bebían un vaso de viño na honra do rei de Portugal e mandaban gravar na casa da morada un P (Portugal); os que preferían a nacionalidade española brindaban polo monarca de España e gravaban un G (Galicia) na casa onde ían vivir. Así de sinxelo e orixinal tiña que ser o rito. E isto viña ocorrendo desde tempos inmemoriais ata 1863, que foi o ano no que desapareceron os seus privilexios.

Os seus moradores estaban exentos de prestaren o servizo militar; tiñan dereito de asilo, que prohibían ás xustizas portuguesa e española prender aos que ali se refuxiasen. Elixían cada catro anos unha autoridade que era ao tempo gobernativa e xudicial cun sistema electoral universal e democrático. O “Camiño privilexiado”, que os comunicaba con Tourém, do outro lado da raia seca, era o vieiro por se transitaba sen que tivesen que pagar tributos polas mercadorías que transportaban.

Moi pouca xente coñece esta singularidade territorial onde as lindes con Portugal tiveron que ser cambiadas máis dunha vez por mor da invasión das casas da liña divisoria, dándose o caso de casas que tiñan unha parte acó e outra aló, como aconteceu cos chamados pobos promíscuos situados na serra do Larouco; deste xeito burlaban a policía de fronteiras para poderen vivir do trafego de mercadorías.

Cando a Asociación de Amigos do Couto Mixto rescatou do esquecemento a memoria daqueles pobos cunha organización tan peculiar como única, a historia íase desdebuxando e dando paso á lenda, un proceso moi normal dos pobos que non teñen historia escrita. Mais esta circunstancia fómola salvando recuperando as crónicas dun tempo afogado pola frouma do esquecemento. A Luís García Mañá correspondeulle facer o laborioso estudo de recompoñer as pezas para escribir a biografía dun pobo cunha organización social autónoma semellante nas súas oríxes á de Andorra. Outros autores recrearon esta fermosa historia nas súas obras literarias.

O próximo día 4 celebrarase un ano máis a concesión dos nomeamentos de Xuíces Honorarios que desta volta serán para o concello de Tomiño, Cámara Municipal de Vilanova da Cerveira, José Lamela Bautista e á mestra xubilada Sanz Ferreiro, polos esforzos realizados a prol do espazo fronteirizo, que no caso da raia seca é de desolación e marxinación económica.

Autocares Perdíz súmase á celebración deste acto que terá lugar en Santiago de Rubiás ás 12 horas, coa presentación de dous autobuses que levarán nas súas carrocerías os nomes de “Couto Mixto” e “Luís Soto”, un mestre republicano que impartíu docencia por esas terras e que nelas atopou acubillo para fuxir das gadoupas da represión en 1936.

Comentarios