Opinión

A Agrupación Socialista ourensá cumpre 126 anos

A fins do XIX o proletariado ourensán comezou ter conciencia de clase e a reivindicar melloras no traballo fronte aos patróns. As peticións, impregnadas do ideario socialista, partían de Sociedades de Resistencia nas que estaban os traballadores por oficios, agrupados no Centro de Sociedades Obreiras nas que o sindicalismo socialista terá especial protagonismo a partir de 1888 coa fundación da UGT.

En 1895 ten lugar en Ourense unha das maiores folgas na construción en esixencia da xornada laboral de 10 horas. O éxito da loita supuxo o nacemento e posterior fortalecemento da Sociedade de Obreiros de Ourense -presidida polo canteiro José Cuíñas- integrada daquela por albaneis, carpinteiros, tipógrafos, xastres e zapateiros. 

As sociedades obreiras participan ao ano seguinte por vez primeira na marcha do 1 de Maio en Ourense. Panadeiros, ferreiros e ebanistas, aínda sen asociar, comezaban ese día a organizarse dentro da Sociedade.

Entre o 12 e 16 de setembro de 1896 visitou Ourense por vez primeira o compañeiro Pablo Iglesias, O Avó. Veu tamén en 1899, 1907 e 1914. O 12 protagonizou unha reunión no Teatro Principal. Segundo El Socialista, “estaba anunciada para las 10 y a las 9 no había ni una localidad ni un palmo de terreno desocupado en el teatro. Juntamente con los obreros se veía lo mejor de esta población y bastantes mujeres”. Ademais de Iglesias, falaron Emilio Vilar e José Cuíñas. Ao día seguinte tivo lugar no mesmo lugar outro acto, e aínda que “la gente de sotana trabajó mucho para que la reunión fracasara, asistió tanta gente como a la anterior -más era imposible- y en el teatro se veían médicos, abogados, farmacéuticos y la gente que pudiéramos llamar de estudios”.

Iglesias reuniuse con tipógrafos e panadeiros; cunha comisión estudantil que lle informou que entre eles estaba a medrar o ideario socialista, e tamén con quen en días próximos ían constituíren a Agrupación Socialista de Ourense.

E chegamos ao 19-9-1896, constitución da primeira Agrupación Socialista de Ourense –ver o libro de Aurelio Martín Nájera, director emérito do Arquivo e Biblioteca da Fundación Pablo Iglesias, “PSOE: congresos, ejecutivas, elecciones, gobiernos, cronología y agrupaciones”-.

Na primeira Executiva socialista do concello de Ourense –no limítrofe de Canedo formarase en 1924- estaban José Cuíñas, presidente; Quintín Feijoo, vicepresidente; José Barreiro, contador; Emilio Martínez, depositario; Emilio Vilar, secretario 1º; Marcial Iglesias; secretario 2º; Manuel Pérez, Eduardo Castelo e José Caldelas, vocais.

Nesta relación falta un compañeiro porque foi asasinado 4 días antes de 3 tiros cando ía camiñando ao Centro Obreiro. Era o portugués do Porto Virgulino Santos Ferreira, residente en Ourense desde había tempo. Socialista convencido, apenas se falou de constituír o Partido ofreceuse a formar parte del. A Agrupación e a Sociedade de Canteiros custearon o seu enterro.

Longa vida ao Partido Socialista! Parabéns!

Te puede interesar