Opinión

Cen anos de Lolita Suárez: loitadora, libre e tallante

Amocidade non ten idade. Necesítase longo tempo para medrar manténdose novo”, dixo Pablo Picasso. A mostra témola nunha ourensá loitadora, libre e tallante coa reivindicación das vítimas inocentes asasinadas polo franquismo, como foi o seu propio pai, Manuel Suárez Castro.

Curiosamente, se unimos as 2 primeiras letras dos cualificativos antes citados dános lo-li-ta. Non hai dúbida, estoume a referir a Dolores Suárez Bretaña, Lola, Lolita, filla do Alcalde Mártir de Ourense asasinado en 1937 “por alcalde, por socialista, por ugetista y por masón”, como ela mesma lembra. Pese aos 36.525 días ás súas costas, Lolita segue a ser unha persoa comprometida, como o testemuña a súa presenza, de novo, na candidatura municipal do PSdeG da cidade para o 28M, servindo de verdadeiro exemplo para o resto de integrantes.

Mentres en Sevilla Manuel de Falla estreaba a cantata El Retablo de Maese Pedro, no Ourense onde vivían unhas 19.000 persoas naceu hai 100 anos Lolita, á que gardo desde os meus primeiros anos agarimo, que co tempo converteuse nunha moi boa amizade herdanza do afecto que mantiña o seu pai co meu avó, a pesar das discrepancias ideolóxicas en Concello e Deputación onde coincidiron, aínda que realizaron cantidade de iniciativas a prol da cidadanía de maneira conxunta.

A apracible vida de Lolita, xunto aos seus pais Celedonia e Manuel e os seus irmáns Paz, Raúl e Pablo, quedou esnaquizada coa traizón armada contra a II República e o inxusto fusilamento do seu proxenitor. Son épocas nas que teñen que deixar a súa casa e ir viviren cunha tía; a nai tivo que buscar alimento en comedores sociais da Falange mentres os que antes se dicían amigos do seu esposo dábanlles as costas medorentos da violencia establecida polos franquistas. Con moitísimo esforzo Celedonia deu educación á prole, á que lles lía unha e outra vez a derradeira carta escrita polo seu home pouco antes do fusilamento, na que lles explicaba que o pai “(...) perdió la vida de una manera violenta, no por ser ladrón ni asesino, ni un mal ciudadano (...)”, escrito que practicamente sabe de memoria e que debería figurar ás portas da Consistorial das Burgas.

Na década dos 50, Lolita entrou a traballar en Mutualidades Laborales -nos 60 tiña dereito a un ascenso que lle foi denegado porque seguía sendo “filla de roxo”-, xubilándose anos despois na Seguridad Social.

Por toda esa vida, familiares de Lolita tribútanlle hoxe unha máis que merecida homenaxe polo seu aniversario nun restaurante da cidade. E nesa festa, sábelo Lolita, imos estar de corazón moitas máis persoas. que entoaremos a pleno pulmón a popular canción “Parabéns para ti/ nesta data querida/ Moitas felicidades/ Moitos anos de vida./ Hoxe é día de festa/ cantan as nosas almas/ para ti miña vida/ unha salva de palmas!”.

Te puede interesar