Opinión

LXXXV aniversario de Manuel Suárez Castro, Alcalde Mártir de Ourense

2006 foi declarado Ano da Memoria Histórica pola Xunta e o Congreso dos Deputados, onde en febreiro recordouse a Manuel Suárez Castro. Daquelas, o deputado socialista por Ourense, Alberto Fidalgo, dixo que merecía un gran recoñecemento da sociedade ourensá, o que se fixo en 2009, na Alcaldía de Paco Rodríguez, outorgando a Medalla de Ouro da cidade e declarado Fillo Predilecto, así como denominar á Escola de Artes Escénicas co seu nome, mais inexplicablemente non figura.

Na madrugada do 28 de xullo de 1937, Manuel Suárez Castro, de 47 anos, alcalde impulsor da modernización de Ourense nos anos 30, tambor da banda de música municipal, presidente da agrupación do PSOE, vicepresidente da Deputación, cofundador da Caja de Ahorros Provincial e canteiro de profesión -interveu como pequeno construtor nas obras da Praza de Abastos-, foi unha das moitas vítimas inocentes que morreron por mor do golpe de Estado contra o Goberno lexítimo da II República. Foi xulgado no paraninfo do Otero Pedrayo. Nun dos consellos de guerra franquistas máis importantes na provincia.

Como un lugar de Educación e Cultura nunca debeu acoller xuízos ilegais, en marzo de 2018 o claustro de profesorado do Instituto aprobou colocar unha placa no vestíbulo, cun texto que lembraba ás persoas xulgadas nese Paraninfo. Mais lamentablemente o seguinte claustro decidiu non colocala.

No sumario xudicial impútaselle un delito de rebelión militar, de alentar ao gobernador civil para que puxera todos os medios en contra da sublevación militar e de facer unha lista de esquerdistas para darlles licenzas de armas. A verdade é que o mataron por estar co Goberno lexítimo ao que prometeu honrar e defender. “Por alcalde, por socialista, por ugetista e por masón”, como di sempre a súa filla Dolores Suárez Bretaña.

Suárez rexeitou na execución ritos relixiosos por crer á igrexa cómplice do que estaba a pasar. Morreu xunto a Antonio Taboada Nóvoa, secretario xeral das Xuventudes Socialistas da provincia. Todos fusilados no Campo de Aragón, espazo que a anterior Corporación municipal decidiu denominar “Praza da II República”, acordo incumprido aínda hoxe.

Unha hora antes da execución escribiu a derradeira carta a súa dona e aos seus fillos, que a nai líalles de xeito cotiá para que souberan quen era o seu pai e o que fixeron con el: “Dile a mis hijos siempre y en todo momento que su padre perdió la vida de una manera violenta, no por ser ladrón ni asesino, ni un mal ciudadano, y que por el contrario, perdió la vida por ser una persona decente (...) muriendo convencido de que ésta es la razón suprema por la que me hacen desaparecer”.

O Concello debería oficializar o 28 de xullo como Día de Lembranza e Recoñecemento, xa que nesa data o terror asasinou ao máximo representante da cidadanía ourensá.

Hoxe ás 20h., nas escaleiras de Santa María Nai, o PSdeG de Ourense invita á veciñanza a un acto de lembranza a quen é o Alcalde Mártir do municipio, Manuel Suárez Castro.

Te puede interesar