Opinión

Nós demostrou hai 101 anos que a publicidade en galego “vende”

icía Albert Einstein que se non sabes explicar dun xeito simple algo, non o entendes ben. Por iso naceu a publicidade, que consiste na arte ou acción de influír na psicoloxía da xente con fins comerciais, e actividade, medios e técnicas que se empregan con este propósito.

Onte, hoxe e mañá calquera publicación que queira manterse viva ten que contar con soporte publicitario. Con ese apoio contou a revista Nós, que hoxe celebra 101 anos da saída do seu primeiro número. Nós foi unha revista publicada en galego con artigos en diferentes linguas europeas e na que se abordaban temas relacionados coa lingua, literatura, etnografía, filosofía, arte e pensamento político.

Xa naquel primeiro número de 30/10/1920 a propia revista incluía unha publicidade que reivindicaba a necesidade de que as diferentes empresas se interesaran polas páxinas da revista: “Pra se facer rico un home de negocios seríalle tan convenente anunciarse n-o ‘Boletín Nós’ coma ter boa sorte”.

Tendo en conta esa conveniencia e/ou sorte, a revista, que tivo unha tirada media de 300 exemplares e un par de centos de subscritores, incluía os prezos da publicidade nas súas páxinas, publicidade escrita tamén en galego (por certo, por que hoxe ‘non vende’ publicidade en galego?):

“Tarifa d’anuncio:

1 plana, ordinario 60 pesetas / Escrusivos 120 ptas.

1/2 plana, ordinario 30 ptas / Escrusivos 60 ptas.

1/4 plana, ordinario 15 ptas / Escrusivos 30 ptas.

1/8 plana, ordinario 7,50 ptas.

Na cuberta esterior e follas intercaladas:

1 plana, ordinario 100 ptas. / Escrusivos 200 ptas.

1/2 plana, ordinario 50 ptas / Escrusivos 100 ptas.

1/4 plana, ordinario 25 ptas / Escrusivos 50 ptas.

1/8 plana, ordinario 12,50 ptas.

Os precios son por inserción. Nos abonos por máis de seis inserciós faise un desconto no anuncio ordinario do 10 por 100 e nos escrusivos do 15 por 100”.

Do mesmo xeito que nas ‘Primeiras Verbas’ daquel número 1 afirmábase que “Os colaboradores de Nós poden ser o que lles pete: individualistas ou socialistas, pasatistas ou futuristas, intuicionistas ou racionalistas, naturistas ou humanistas; pódense pór en calquera das posiciós posibles respeito das catro antinomias da mente contemporánea; poden ser hastra clásicos, con tal de que poñan por riba de todo o sentimento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo da superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos”, nas páxinas de Nós atopamos todo tipo de publicidade ao longo dos seus anos de vida (1920-1936), traxectoria bárbaramente destruída por culpa do golpe de estado fascista.

Por exemplo, no número que hoxe cumpre 101 anos inclúense as seguintes publicidades de firmas da cidade:

“Casa dos Lentes / García óptico. Plaza Mayor, 18”; “Samaniego, fotógrafo de moda. Luis Espada, 13” (hoxe, Cardenal Quiroga / Alejandro Outeiriño); “Marina Noguerol, sombreiros pra señoras e nenas. Progreso, 38”; “Gran Café Moderno (con varietés). Progreso, 45”; “F. Román e Saco, droguería e farmarcia. Pereira, 19”; “Xastrería e camisería José María Rodríguez. Pereira, 2” (hoxe, Avenida Pontevedra); “Ramón Puga & Hnos. Nuevo bazar. Tendas, 9 e 11”; “Gran Hotel Roma. Progreso, 71”; “Puga Mangana Hnos. Automóviles Ourense-Verín. Progreso, 61”; “Le Nord’ seguros contra incendios. calle do Instituto” (hoy, Lamas Carvajal).

Nese número tamén figura publicidade de “Bodegas Gallegas/ Peares-Orense”; “Plumeiros de rafia’ (Andrés) Perille”, e “Aguas minero-medicinales bicarbonatado-sódicas Mondariz”. Así mesmo, de publicacións como “A carón do lume’, por Xavier Prado (Lameiro). Precio, 2 ptas”; “Lea V. ‘Teoría d’o Nacionalismo galego’, por Vicente Risco. Precio 5 reás”; “A Nosa Terra’, boletín decenal”, e “D’o ermo (poesías)”, por Antón Noriega Varela. Coste: 10 reás”.

“Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós”. Hai 101 anos, hoxe e mañá, parabéns!

Te puede interesar