Opinión

A primavera musical

A cantante Sheila Patricia.
photo_camera A cantante Sheila Patricia.

Chegou o tempo que estabamos agardando no que os nosos artistas presentan os discos recén saídos do forno ou os que foron compostos xusto antes da pandemia e estiveron hibernando mentres non escampaba.

Nos programas de radio e televisión estou vivindo unha primavera chea de flores musicais de toda clase e condición, desde folk e tradicional ata pop, rock e música urbana e alternativa; mesmo o mundo das orquestras, tan castigado por este virus traidor, se revolucionou totalmente, nuns casos para ofrecernos espectáculos máis impresionantes, e no peor deles para comunicarnos que moitas formacións desapareceron, xa que os seus compoñentes tiveron que buscar a vida noutras facetas que lles permitise unha maior estabilidade laboral.

Ben é certo que o verán pasado algúns deles puideron facer unha xira máis ou menos proveitosa actuando en auditorios e mesmo nalgún festival que puido regatear ao virus. Penso, por exemplo na “Banda da Loba”, que acaba de sacar ao mercado un fantástico e feminista disco titulado “Xabón Lagarta”, no que en palabras das súas compoñentes “quere ser un lavadoiro onde acubillarnos, no que permitirnos ser. Un espazo de diálogo no que cuestionar o establecido, e dende o que revelarnos, insubmisas, contra o perverso dun sistema que, sabéndonos imprescindibles, nos nega dende a raíz”. Recoméndovos este marabilloso disco no que unha vez máis estas fantásticas mulleres reivindican todo o reivindicable con letras e músicas que nos fan pensar, pero tamén bailar.

E se de boa música e voz falamos teño que traer aquí o disco “Orixe” de Sheila Patricia, que, tamén coa muller galega como bandeira, inclue varios singels que nos foi dosificando nos últimos meses, como “Eido” ou o “Maneo de Caión”, nos que o valdeorrés Aitor Ramos se loce especialmente na realización dos videoclips, demostrando ser un excelente Productor Audiovisual, cun gusto pola estética e a beleza realmente encomiables. Sheila Patricia está nun momento marabilloso da súa carreira para chegar ao gran público e triunfar nos mellores escenarios.

Non podo esquecerme das nosas “Tanxugueiras”, ás que despois do exitazo de “Terra”, precedido dos impresionantes “Midas” e “Figa”, non lles queda máis remedio, se os múltiples compromisos artísticos llo permiten, que ofrecernos un disco completo co que gozar ao máximo.

Tamén sei do traballo que están facendo artistas como Lucía Pérez, que o próximo sábado estará actuando no vigués “Plaff”, nunha festa pre-eurovisiva para a que xa non quedan entradas, e que está traballando duramente co seu irmán Vizcaíno, nas novas cancións que estreará no espectáculo deste ano; ou a nosa querida María do Ceo que anda entre os fogóns de “Edisco” da Estrada da man de Fernando Campos gravando o que será un novo traballo de “Homenaxe a Galicia”.

Non podo esquecerme do novo Disco-Libro do galego-brasileiro Gustavo Almeida que recrea as cancións de “Vértice”, o seu último traballo, adaptando todas as letras ao galego e gravando duetos con artistas da talla de Teo Cardalda ou Nastasia Zürcher entre outros.

Isto soamente é unha pincelada do moito e bo que se nos aveciña no panorama musical dos artistas galegos, dos que irei falando en próximas semanas.

Te puede interesar