Opinión

A roda de afiar

Florencio de Arboiro diante de dúas rodas de afiar.
photo_camera Florencio de Arboiro diante de dúas rodas de afiar.

Hai un pupurrí de Fuxan os Ventos que gravei xa hai anos que gusto de cantar e poñer de cando en vez na radio, e que dí "dalle na roda, dalle madeira, pra afiar a aquel que queira, eu cuchillos, eu navallas, eu tixeiras", e que remata afirmando que "para ser bon paragüeiro hai que nascer en Ourense"; e acordeime especialmente del cando a pasada semana o Presidente da Deputación fixo a presentación do que vai ser o gran Museo da Roda de Afiar na capital ourensá.

Alégrome moito de que algo tan noso ocupe o lugar que se merece para goce de Florencio de Arboiro e de todos os que aínda recordamos o son do chifre de reclamo destes trotamundos que co seu barallete seguramente non atopaban fronteiras idiomáticas en ningures. E lembro especialmente a aqueles dous afiadores que se instalaban na Praza do Bar Ferreiriño nas feiras de Allariz, no mesmo lugar onde eu poñíame de neno cun paraugas baixo os canos da auga que había xusto ao lado do "Rufino", a tenda onde nos abasteciamos de caramelos e onde xogabamos no seu futbolín, protagonista de encarnizadas ligas, en tempos nos que as coleccións de cromos, ademais da cotizada "Vida y Color", eran fundamentalmente de futbolistas, e onde para completar o álbum xa daquelas había que negociar tres ou catro xogadores dos equipos máis modestos por un do Madrid ou do Atletic de Bilbao, ben fora Amancio ou o gran Iríbar.

Os días de feira eran moi entretidos na Vila porque rachaban a rutina cotiá con centos de persoas chegadas de toda a contorna e mesmo de lugares máis lonxanos, transportados, xunto cos animais a vender, nos flamantes autocares brancos de "Los Americanos".

A Barreira enchíase dunha grande e variada fauna ben organizada que situaba a cada quen no seu lugar, e onde podías presenciar aqueles "tratos" nos que un apretón de mans considerábase firma sagrada, despois de mirarlle ben a dentadura ao cabalo ou as ubres ás vacas. Pero non todo se concentraba diante de San Benito; co marabilloso arrecendo que saía do camión dos queixos situado no alto do Portelo ías ata as Prazas de Arriba e de Abaixo onde seguía a feira con pitas, polos, coellos e galos. Coa distancia do tempo, agora paréceseme aquel "decorado" a cando vemos nas películas eses mercados medievais onde se vende de todo; e de todo se vendía, desde fouces e arados ata zapatos ou as máis ricas pavías que alguén podía comer na súa vida; nunca máis atopei algo tan saboroso como aquelas pavías ou aqueles figos recén collidos da árbore a tarde anterior. E, por suposto, cada quince días sabías que ao mediodía na casa había riquísimo pulpo recén cortado pola Morocha, que che facía un oco mentres despachaba dúcias de racións a moitos dos feirantes.

Eu recordo especialmente as feiras do dia 1 cando xa vivía nas "Casa Baratas", porque no baixo do edificio era onde se cobraba a paga da "Agraria" e poden imaxinar as colas que alí se formaban desde primeiras horas da mañá impedindo prácticamente acceder ao portal; non sei como aquelo non se converteu nun formigueiro de carteiristas; eran outros tempos. Tempos nos que ao final da tarde eu trataba de localizar ao meu pai para que me levase con el ao cine a ver unha de vaqueiros mentres os máis mozos ían ao "Club" a bailar con Los Arquinos. E igual, de fondo e xa de retirada, aínda oías aquel berro tan familiar de "Afilador y Paragüero".

Te puede interesar