Opinión

Aí vén o maio

Unha muller fotografía os maios en Allariz

Anda que non cantei ben veces este marabilloso poema de Curros Enríquez musicado polo gran Luis Emilio Batallán! Por moitas razóns, a primeira porque é unha das cancións realmente fermosas daquel “LP” titulado xenéricamente así: “Aí ven o Maio”, do que hai xa máis de 45 anos o músico pontevedrés conseguíu facer un auténtico superventas, á base dun excelente traballo que incluía outras cancións igual de fermosas como “Agardarei”, “Camiño Longo” ou “Quen poidera namorala”, que seguramente é unha das cancións máis gravadas e cantadas por artistas galegos de todas as épocas, incluída a actual. Non esquezamos que estamos falando do disco en galego máis vendido da historia cunha tirada de medio millón de copias.

E outra das razóns é porque seguimos estando diante dun traballo impecable, do que os nosos grandes escritores poden sentirse orgullosos, porque tanto Celso Emilio como Cunqueiro, Rosalía, Cabanillas e o xa nomeado Curros, quedan grandemente realzados coas músicas e a voz de Batallán, e debería seguir sendo un disco de obrigatoria escoita para os nosos rapaces á hora de atoparse coa narrativa e a poesía galega. Para a historia da música queda tamén a emocionante interpretación deste “Aí ven o Maio” que fixo o noso cantautor no programa “Luar” en xullo de 2013 co tamén xa noso e ben querido Pablo Milanés, trobador cubano que tantas veces nos emocionou cos seus discos e os seus concertos. Nunca esquecerei aquel ao que asistín no Pavillón de Deportes de Ourense no que Pablo e Silvio Rodríguez nos puxeron a pel de pita en cada unha das súas cancións, desde o “Yolanda”, “Para Vivir” ou “Yo no te pido” de Milanés ata o “Ojalá”, “Te doy una canción” ou o “Unicornio” de Silvio. Algúns anos despois puidemos rememorar este e outros concertos no Pub “El Yopo” da Rúa Ervedelo de Ourense, onde nos reuniamos un bo número de fieis clientes que, ademáis de tomarnos o licor café de turno, escoitabamos e coreabamos con emoción esta e outras cancións que o chileno que levaba o local nos ofrecía cada tardiña coa súa guitarra. 

Aínda lle recordaba isto a Manuel Rosales, un bo amigo de Moaña e antigo alumno da UNI Laboral de Ourense, que me atopei hai uns anos en Vigo recén chegado de Suecia, a onde marchara con outra das compoñentes da familia que rexentaba “El Yopo”, a querida Nana, de quen se namorara perdidamente e con quen empredeu viaxe a terras suecas deixando aparcada, entre outras cousas, a súa profunda militancia en ERGA, sección xuvenil da ANPG, e deixándome orfo das interminables discusións que tiñamos en torno o “españolismo”, que según el profesabamos todos os que perteneciamos a outras organizacións dependentes de partidos políticos de ámbito estatal. Todo un personaxe o amigo Rosales que, para a miña enorme sorpresa, terminou sendo un referente europeo en Bailes de Salón. As voltas que dá a vida, e as risas que nos botamos nese reencontro vigués, recordando aqueles marabillosos anos onde as cancións como a de Batallán eran todo un berro revolucionario ao corear o “Cando eu me atopare de lobos liberto, i o pan non mo quiten trabucos e préstemos, e como os do abade frorezan meus eidos, chegando habrá entonces o Maio que eu quero”. 

Pois aquí está xa o Maio, e aínda que por todo o que está pasando non é o Maio que desexabamos ter, a bó seguro que para moitos será o Maio da esperanza, esa que nunca perderemos.

Te puede interesar