Opinión

Un airiño de optimismo

As miñas herbas de San Xoán.
photo_camera As miñas herbas de San Xoán.

Cóntanme os artistas e grupos que pasan polo “Bamboleo” radiofónico, que hoxe colle vacacións, que este ano a asistencia aos concertos son unha auténtica loucura, provocando situacións que mesmo poden derivar en problemas de seguridade e orde pública. E non saben a alegría que me dan cando enumeran a cantidade de “bolos” que lles van saíndo, compensando estes últimos anos de penurias, con moitos grandes músicos que quedaron polo camiño, dedicándose agora a outros oficios que lles proporcionan maior seguridade económica ao longo de todo o ano. Para eles todo o noso cariño por tantas horas de música e diversión que nos teñen proporcionado.

Non hai que esquecer nunca aos Concellos, Deputacións, Consellerías, Direccións Xerais e demais responsables do ámbito cultural que, aproveitando este Xacobeo bianual, e facendo o que agardamos deles, programaran concertos e actuacións de cantantes, magos, actores, bailaríns, corais, agrupacións, bandas de música ou orquestras de toda clase e condición para, en maior ou menor medida, axudarlles a paliar o efecto devastador da pandemia, xogando ás veces co “bicho” no fío da navalla á hora de manter a programación, cunha xeneración de xente nova e non tan nova que cando vexan as fotos destes eventos anos despois, nin chegarán a recoñecerse por mor dos ditosos “gardabicos”, palabra que lle roubei á miña querida amiga e cantante Uxía, que eu non dubido viñeron para quedarse, sobre todo para os que xa reunimos un par de requisitos que desde Sanidade nos repiten insistentemente, maiores de 60 e persoas inmunodeprimidas, isto é, aquelas ás que o outro bicho nos visitou e ao que tratamos de gañarlle a batalla día a día cos avances da ciencia que cada día son máis espectaculares. Cando penso nisto sempre imaxino a algún rapaz ou rapaza saídos hai nada das factultades universitarias adicados en corpo e alma, xunto cos seus mentores e equipos, a buscar un remedio para todas esas enfermidades que hai nada significaban que o teu paso por estes lares estaba a piques de concluir. Para eles e elas como sempre o noso máis grande recoñecemento e gratitude, porque por moito que lles paguen, que rara vez será demasiado, nunca lles compensarán o esforzo realizado e o ben que lle fan á humanidade. Non vou entrar outra vez no noxo que dá cando temos que oír as cifras astronómicas de fichaxes futbolísticos mentres milleiros de persoas saen á rúa reivindicando unha sanidade pública, sexa primaria, de urxencias ou hospitalaria, máis fortalecida e dotada economicamente. Pero xa sabemos que o fútbol ten patente de corso e mesmo hai quen lles vai aplaudir ás portas dos xulgados a presuntos delincuentes fiscais.

Pero non nos cabreemos e comecemos ben este día post-fogueiras, onte para vostedes, no que a cidade comeza a durmir á hora temperá na que eu me levanto e escribo, despois de lavar a cara coa auga aromatizada coas herbas de San Xoán, ritual que igual ten algo que ver con iso  que as miñas maquilladoras da tele sempre me din, que teño unha pel envexable. Non dubido que San Xoán faga o seu, pero a xenética da Rosiña e do Manolo algo terá que ver.

Son moi malos tempos para a lírica e para case todo, e mellor non pensemos no inverno que se nos aveciña vendo as medidas que xa están tomando en Alemaña. De momento vaiamos a toda canta festa poidamos e, como dicía a canción eurovisiva de Lucía Pérez en Düsseldorf, “Que nos quiten lo bailao”.

Te puede interesar