Opinión

Aquelas tardes de reponsos

Acabo de chegar de dar unha volta de escaparates, que de cando en vez tampouco está mal, e mesmo deixándome tentar por todos eses descontos de "Mid Season" que agora tanto se leva, e que non é outra cousa que combater a seca de vendas polo verán tan alongado, que ao parecer hoxe remata coa chegada da vaga de frío, e incitar a mercar abrigos cando os termómetros aínda marcaban 27 graos ou chubasqueiros cando non caía nin unha gota de auga. 

Pois en moitas das tendas polas que pasei chamoume a atención a cantidade de prendas, sobre todo para o público infantil, dedicadas a Halloween, que xa está aí a catro días vista. Ben é certo que non vin prácticamente nada de "Samaín", que é realmente a nosa festa, e digo festa porque foi no que se converteu aquel día tan triste de visita aos camposantos, para encher de frores ás lápidas que ás veces durante o ano están no máis absoluto olvido. E digoo eu que non soi moi amigo de visitar os cemiterios, nin sequera por estas datas, xa que eu aos seres queridos xa os recordo todos os días.

Pode ser tamén que quedara saturado naquela infancia na que exercía de monaguillo e pasabamos todas as horas do día de Todos os Santos acompañando a D. Manuel, o cura párroco alaricano,  cando ía de tumba en tumba cantando os responsos e xuntando un gran "forrollo" ao cabo da eterna xornada, do cal os sofridos monagos non viamos máis ca unha miseria de esmola. Por algo en Allariz foi alcumado como "pesetas". Desto pode dar fé o meu  novo e querido párroco e amigo Manolo Rodicio que compartía con algúns de nós sotana e roquete, portando cruces e ciriais.

Pero eses eran outros tempos, agora os rapaces que teñen a idade que nós teriamos daquelas divírtense do lindo coa chegada destas datas, ben é certo que antes de que se reivindicase como galega, a festa colleu moitos tintes ianquis, que para iso nos colonizan ben colonizados coas súas películas de "truco ou trato".

Eu, de quedar con algo chegado de fora, quédome co que nos ven de México e o seu culto tan especial á morte. Os nenos tamén celebran a "Noche de brujas" na noite anterior, para ao día seguinte xuntarse toda a familia e converter as tumbas en auténticas exposicións coloristas de fotos, frores e comida, moita comida, sobre todo aquela que máis lle gustaba ao finado.

Por todas as grandes avenidas das cidades hai multitudinarios desfiles de xente moi ben maquillada e disfrazada para a ocasión, onde as caveiras son as auténticas protagonistas, que fai que cando visitas o País azteca volvas con algunha delas, aínda que sexan pequeniña. Iso e algunha camiseta de Frida Kahlo, que se a probe levantara a cabeza ía levar un bó desgusto polo uso desmesurado que se fai da súa imaxe.

O certo é que tan grande é a festa colorista e peculiar que montan os mexicanos que a Unesco declarou no ano 2003 a Festividade Indíxena do Día dos Mortos como "Obra Mestra do Patrimonio Cultural da Humanidade". Ben merecido o teñen e, créanme, a min paréceme unha forma ben divertida de recordar a todos os que nos foron deixando, moito máis que aquelas tardes tan tétricas da nosa infancia, onde escoitabamos a mesma canción quiñentas veces, sen chegar a aprendela nunca porque o cura Manuel encargábase de cantala a toda présa, e en latín por suposto, para dar chegado a todas as familias solicitantes dos salvadores responsos.

Te puede interesar