Opinión

Aqueles triunfitos

A cantante Natalia
photo_camera A cantante Natalia

A entrevista da cantante Rosa no programa de Évole trouxo moitos recordos a todos os que seguimos aquela primeira edición de “Operación Triunfo” que no ano 2001 revolucionou o panorama musical español, upando a xóvenes artistas, ata ese momento absolutamente descoñecidos, e que logo venderían millóns de discos e farían exitosas xiras por España e América; caso de David Bisbal como figura máis representativa.

Terían que pasar moitos anos, ata 2017, para que unha nova edición do concurso, tamén en TVE igual que as tres primeiras, volvera conseguir grandes cotas de audiencia, e o que no seu día conseguiran os Bustamante, Chenoa, Gisela ou Rosa, volveran conseguilo novas figuras como Aitana, Cepeda, Ana Guerra, ou Amaya, aínda que nunca coa intensidade coa que se vivira aquela primeira edición que conseguía que no Corte Inglés se esgotaran os discos de cada gala nun visto e non visto; dou fé delo porque un bo amigo  traballaba na sección de discos do establecemento de Vigo, e para facer a cousa máis doada xa nin sequera colocaba os CDs nas estanterías, amontoando torres enormes deles ao ladiño da caixa para economizar tempo e traballo.

Evidentemente co paso dos anos, e con moitas outras edicións do concurso, con máis ou menos éxito, uns artistas foron consolidándose e outros casi desapareceron do mapa audiovisual, pero polo medio seguen aparecendo nomes que ao longo destes anos gravaron infinidade de discos, protagonizaron xiras e musicais, e reinventáronse sorprendéndonos en cada single que presentan, como é o caso de Natalia, a primeira en sair da Academia, e seguramente unha das artistas que máis partido lle sacou ao concurso. Desde ben noviña non parou de traballar, cantando, presentando exitosos programas de televisión, nacional e autonómicas, creando a súa propia liña de moda e mil cousas máis; e para min é sempre un pracer recibila no “Bamboleo” como farei esta mesma noite, onde será unha das artistas convidadas xunto con Cómplices e a Orquestra “Fania Blanco Show”. 

Agora, co paso do tempo, de cando en vez, e case sen preguntarllo, estas artistas van contando algunhas das reviravoltas que se cocían por aquela Academia poboada de adolescentes coas hormonas revolucionadas, e sabemos un chisco máis de todo o que as cámaras non nos transmitían; aínda que a amiga Rosa sempre nos fora soltando algunhas desas confidencias moito antes de que se espise no programa de Évole, con esa sinceridade e ese “gracejo” que sempre caracterizaron á cantante granadina, que se definíu a sí mesmo como “poligonera”, cando namoraba a todo un País que a convertía en “Rosa de España”, gañando adeptos para o Festival de Eurovisión, como anos despois, en menor medida, fixeran Alfred e Amaia, e como conseguirían as “Tanxugueiras” se as cousas foran como tiñan que ter sido.

Daquela xa lonxana primeira edición de OT recordo sobre todo o xamón celta, agasallo de “La Región”, que nos zampamos na casa duns amigos todos os luns que durou o concurso; e daquel xantar nun restaurante compostelán ao que fun convidado, onde souben con moita antelación, e de xeito confidencial, quen ía gañar, quen ía ir a Eurovisión, e que a aposta decidida da multinacional discográfica que andaba polo  medio de todo aquelo era para un xoven almeriense de rizos ao que lle estaban preparando un disco de lanzamento, fraguando xa a que sería a carreira imparable de David Bisbal, da que non tiven ninguna dúbida desde o minuto un no que o vin aparecer diante das cámaras.

Te puede interesar