Opinión

Aupa Kepa

Cantando con Kepa Junquera.
photo_camera Cantando con Kepa Junquera.

Hoxe quixen titular o meu artigo con este sincero berro de alento e cariño para o músico vasco Kepa Junkera, tendo diante o disco “Galiza” que el me dedicou con debuxos e sentidas palabras que culminaban cun “Txoria Txori Espectacular”, un ¡Aupa Bamboleo! e un “Eskerrik asko”.

Agora son eu o que oito anos despois, e lembrando que hoxe é o seu aniversario, lle devolvo ese “aupa” por tanto cariño demostrado aquela noite na que nos coñecimos e quixo interpretar e gravar comigo o precioso “Txoria Txori” que aprendín na miña estadía polo País Vasco.  Kepa viña promocionando ese espectacular disco no que demostrou unha vez máis o amor pola nosa terra, o noso idioma, a nosa cultura e sobre todo polas nosas xentes; un disco que xa forma parte do acervo cultural de todos os que amamos a música tradicional, e ese irmandamento que moitos galegos sempre tivemos coas xentes do País Vasco, lugar a onde moitas das nosas familias emigraron e progresaron, e onde moitos dos seus descendentes botaron raíces, mantendo sempre un cordón umbilical irrompible coa terra dos seus pais e dos seus avós. 

Onte a noite dediqueille o programa da Radio Galega, baseándome nese dobre CD onde a súa “trixitixa” fúndese coa gaita de Cristina Pato, Budiño ou Susana Seivane, ou coas voces de Treixadura, Luar na Lubre ou Xabier Díaz entre outros moitos grandes artistas galegos, con quenes quixo homenaxear a esta Terra que sempre o acolleu con agarimo e respecto en cada un dos seus concertos, onde sempre nos sorprendeu mesturando a música vasca coa incorporación da nosa máis fonda esencia, subindo ao escenario a ritmo de “txalaparta” aos peliqueiros, cigarróns ou pantallas da provincia ourensá, sen esquecer o recuperado “Entroido Ribeirao” da parroquia chantadina de Santiago Darriba, lugar que Kepa percorreu como fixo con ducias de lugares que el resume así na presentación do disco: “Estes cruces de camiños onde fun asimilando ritmos, melodías, instrumentos, xeitos, e sobre todo, maxia, a dun lugar e as súas xentes, que converteron un espazo físico nun dos recunchos máis fantásticos que endexamais teña coñecido”. Marabillosas e sentidas palabras, e sentida é hoxe a miña homenaxe para este vasco universal, gañador dun Grammy Latino ao Mellor Album Folk polo seu disco en directo “K”, gravado no Teatro Arriaga de Bilbao, e gañador sobre todo da simpatía e admiración de todos os lugares do mundo por onde el ten pasado coa súa música; aínda lembraba onte na radio a gravación que me enviou desde Helsinki hai cinco anos en tal día coma hoxe, día do seu cumpreanos.

Kepa Junkera segue loitando por recuperarse do tremendo ictus que sufríu en plena xira por Bélxica en decembro de 2018. Eu enterábame de tan terrible noticia na habitación de aillamento do “Alvaro Cunqueiro” onde me estaba recuperando dun autotrasplante, e recordo que non puiden reprimir as bágoas en canto lin a noticia, como se dalguén da familia se tratara. Descoñezo a evolución da doenza de Kepa pola lóxica discreción das persoas que o rodean, e soamente quero desde estas liñas mandarlle toda a forza dos milleiros de galegos que amamos a súa música e que lle agradecemos que sempre leve Galicia no corazón e nas notas que saen da súa trikitixa. E desde o máis alto de calquera dos nosos montes queremos berrarlle hoxe máis ca nunca: “Aupa Kepa!” e “eskerrik asko”.

Te puede interesar