Opinión

Bailando con Américo

Co cantante chileno Américo.
photo_camera Co cantante chileno Américo.

Procuro gozar sempre moito cos artistas que a producción de “Bamboleo” leva ao programa, como é o caso esta noite da nosa querida María do Ceo, a quen sempre é un luxo escoitarlle cancións tan coñecidas como o “Sacristán de Coimbra”, á que ela sempre lle da o seu “sotaque”, para que cada vez soe linda e dun xeito diferente sen perder a súa esencia.

Pero tamén gozo desoutros momentos inesperados que as casualidades permiten que polo plató fagan parada artistas que se tiveramos que pagarlles o caché no que se moven resultaría totalmente imposible, como no seu día foi o caso de Sensato, o artista que fixo bailar a medio mundo co “Taxi”, e que volvía de actuar de Lisboa e nos quedabámoslle no camiño, xusto  para facer unha paradiña e deixar alucinados no ensaio aos músicos latinos da orquestra que esa tarde participaban na gravación do programa.

Pero se alguén do outro lado do charco me deixou impactado foi a gran Gloria Trevi, deusa entre as deusas da música latina, que chegou como un furacán deixándonos a todos alucinados xa nos ensaios coas súas cancións e as súas postas en escea. ¡E que fácil foi cumprir as catro cousas que pedíu para a súa actuación!, dándonos a razón aos que pensamos que canto máis grandes son os artistas menos lata dan e máis fácil é traballar con eles. 

Pois esta noite, facendo escala con destino Londres, teremos no plató ao gran Américo, o artista chileno actual con máis proxección internacional e ben recoñecido tamén por estes lares, sobre todo no mundo da verbena, onde seguramente non exista orquestra que non interprete algún dos seus grandes éxitos como “El Embrujo”, que foi o seu primeiro single, “Traicionera”, “Te vas” ou “Que levante la mano” incluidos nos seus primeiros albumes “Así es” e “A Morir”.

Américo chega a Galicia coa súa banda e a súa inconfundible voz, facendo un directo impecable e cheo de matices que lle fixo levar como premio varias “Antorchas de Ouro e Prata”, xunto coa excepcional “Dobre Gaivota de Prata” no Festival “Viña del Mar”, por onde ten que pasar todo artista que se prece de ser alguén en América Latina. Todo elo antes de ser presentado como intérprete da canción “Mi Paz les doy”, canción seleccionada para servir de himno oficial da visita do Papa Francisco a Chile no ano 2018.

Teño que confesar que son bastantes as ocasións nas que teño descuberto a grandes artistas e excelentes cancións gracias aos participantes da sección “Agora ou Nunca” do “Bamboleo”, onde os participantes cantan libremente o que lles peta; ocurríume coa canción “Más que tu amigo” do gran Marco Antonio Solís, que interpretou no noso escenario moito antes de meterse de cheo no mundo da verbena o cantante Cristian Amoedo, con quen tanto teño falado na Radio Galega, ao lado do amigo Daniel Seijo, sobre temas eurovisivos. Encantoume daquelas a canción de Solís e recibín unha grata sorpresa na miña primeira visita a México onde soaba sen cesar en todas as emisoras, e mesmo era interpretada por moitos dos cantantes que participaban nos divertidos karaokes nocturnos da capital mexicana.

Pois esta noite noite teremos ao gran Américo cantando en rigoroso directo os grandes temas que lle deron sona a este lado do Atlántico, e será sen dúbida outro deses momentos que este fermoso mundo da televisión-espectáculo nos permite gozar.

Te puede interesar