Opinión

BAMBOLEO

Seguro que para moitos de vostedes aínda foi onte, xa que as necesarias reposicións do programa en tempos de austeridade fixo que nos estiveramos vendo ata o mes de febreiro; pero realmente pasaron xa dez meses desde que remataran as gravacións da etapa anterior. Moito tempo para os que vivimos de xeito apaixoado o noso oficio de comunicadores, un oficio que non cambiariamos por nada do mundo, e sobre todo mentres os telespectadores continúen dándonos ou se apoio a través dos excelentes datos de audiencia. E facendo xustiza a todo un equipo que se esforza por ofrecer o mellor de sí en tempos nos que hai que botarlle moita ilusión ó asunto, hai que vivir con orgullo o feito de que un gran número de galegos sigan preferindo a súa televisión como principal medio de información e entretemento; e polo que respecta a quen esto escribe, que nestas datas celebra os seus primeiros vinte anos de andadura televisiva, non pode máis que sentir profundo agradecemento polo cariño recibido de tantas persoas que seguen apoiando o seu traballo cada vez que volve á pantalla.


Como por sorte sempre me ten ocorrido, traballar co equipo do 'Bamboleo' é un auténtico luxo, créanme se lles digo que as gravacións son unha festa desde primeira hora da tarde na que comezan os ensaios técnicos para continuar de seguida cos ensaios de contidos; desde a chegada da Orquestra Jerusalem, que será quen inicie esta nova etapa, ata a chegada de Lolita, que lle fará unha homenaxe á súa nai, a gran Lola Flores, pasando polo grupo galego de pop 'Strabismo', comandado polo neto do fundador de Los Tamara, Prudencio Romo, ou a primeira toma de contacto da nova parella profesional de bailes de salón composta por Alberto e Iria que chegan desde Narón para sorprendernos coa súa xuventude e o seu bó facer, todo é un non parar de preparativos, saúdos e postas a punto. É un pracer reencontrarse con Claudio Pan, o colaborador encargado da sección do 'Dirtidansi' onde netos e netas bailarán cos seus avós e avoas; co humorista 'Pepe Capelán' que nos sorprenderá con novas aventuras vividas e gravadas polas cidades e pobos de Galicia, e co sempre impecable e divertido Javier Varela, que co seu piano en directo terá este ano máis protagonismo ó ser alma máter dunha sección dedicada especialmente a esas parellas que levan xuntas moitos anos e ás que imos homenaxear interpretándolle a canción da súa vida. Escachamos coa risa preparando as reportaxes do 'Faino Ti' no que lle cambiamos os papeis do día a día a eses matrimonios que nos deixan entrar nas súas casas, e disfrutamos do lindo ensaiando a nova 'ITV do amor', na que xogaremos coa picardia e a retranca tan nosas, pero sempre mantendo a filosofía de facer un programa dirixido a todo tipo de público.


Mañá sábado volve 'Bamboleo' e faino coas mesmas ganas e ilusión da etapa anterior, co obxectivo de seguir contando coa fidelidade da nosa 'parroquia' e, coma sempre digo, facémolo sobre todo pensando e dirixindo os nosos esforzos a quenes ven realmente a televisión. Sabemos do difícil que resulta contentar a todo o mundo, porque nesto da televisión e como no da selección de fútbol, cada quen faría a súa aliñación particular con dificultade para poñerse de acordo incluso entre os máis achegados. En definitiva, a marxe do compoñente informativo e culturizador que nunca deben faltar no caso dunha televisión pública, nós tratamos de engadirlle un compoñente lúdico-festivo, e mesmo terapéutico, que complemente ós anteriores.

Te puede interesar