Opinión

Desde Barajas

Non hai maneira, sígolle tendo especial manía a ese aeroporto, por moito que agora leve o nome de Adolfo Suárez; sempre haberá algún “mascachicle” impertinente que te poña dos nervios cada vez que tés que pasar polos arcos detectores. E xa non é cuestión de maior ou menor campaña antiterrorista, é unha cuestión da mala educación endémica dos, non sei se moitos ou poucos, vixiantes que de moi malas maneiras te cachean e mandan espir a pouco que vaias mal afeitado. Nesta ocasión, foi na miña pracenteira volta de terras mexicanas, onde fun tratado a corpo de rei facéndoseme curtos os máis de quince dias que empreguei en percorrer non poucos estados e cidades; e o cabreo aeroportuario nin sequera foi por algo que a min fixeran; foi por esa actitud prepotente, chulesca e horteira de quen se cree coa autoridade suficiente para facerlle pasar un mal trago a moitos viaxeiros, patrios ou foráneos, que teñen, temos, a mala sorte de ter que pasar polas súas mans. É ese desprezo co que che din que te descalces e que perdas a dignidade diante dun cento de persoas, non vaia ser que leves un corta uñas asasino entre as túas pertenzas. Pero é sobre todo esa falta de tacto e cortesía, tan de por estes lares, que sobresae aínda máis cando o avión ven ateigado de persoas que supostamente viven en países menos desenvolvidos e modernos que o noso, pero onde as palabras “gracias”e “por favor”, con amplo sorriso, son de uso corrente.

Nin esta maldita crise que aquí chegou para quedar eternamente fixo que este noso País recobrase o valor da palabra, dos bos costumes, do saúdo ao entrar e sair dun ascensor ou de erguerse no bús cando alguén precisa máis que nós do asento. Hai moitos colegas meus da outra profesión que non comulgan conmigo á hora de defender que cando un profesor chega á clase os rapaces deben poñerse en pé, por parecerlles algo arcaico e pouco democrático, e eu defendo que se empezásemos por aí, ou por aquelo de que ninguén se levanta da mesa ata que todos remataron de comer, en familias nas que no mellor dos casos comen todos xuntos, seguramente evitariamos a expansión cal praga deses “macarrillas mascachicles” que nos aeroportos, ou en calquera outro lugar público, crense todopoderosos porque locen unha placa de non sei que compañía de seguridade. ¡Estou da seguridade ata o cocote!, e dígoo en tempos nos que o mundo volve estar paranoico vendo asasinos potenciais en todo aquel que leve barba, mochila, turbante ou sabe deus que; e volverá acontecer como nos tempos dos atentados ás torres xemelgas ou aos trens de Madrid, onde viaxar en calquera medio era todo un exercicio de paciencia e de temeridade. Eu xa daquelas pensaba que tampouco facía falta coller un avión para que alguén te mandase para o outro barrio, porque, sen dar ideas, basta con elexir ó chou calquera sábado en calquera cidade de rebaixas como para deixarnos a todos mirando para a Meca, ou para calquera outro Paraíso celestial, sexa cal sexa o deus elexido polo descerebrado para matar en nome del, tal como se leva matando ao longo da historia da humanidade.

Te puede interesar