Opinión

Bautizo en Santa Mariña

O día non podía estar máis fermoso para visitar Santa Mariña de Augas Santas con motivo do bautizo da miña afillada Sira, que tampouco podía estar máis linda, simpática e colaboradora. Todo se conxuntou para que fose un día perfecto, tanto para a nena como para os seus pais Xaime e Inés, e por suposto para os que exercemos de padriños e o resto da familia.

A elección de Santa Mariña foi un acerto, por todo o que representa ese precioso e mimado Conxunto Histórico Artístico, pola beleza da súa igrexa, declarada Monumento Nacional, e por toda a maxia e a lenda que se respira en toda a parroquia. Santa Mariña é un deses lugares que todo viaxeiro que percorra as terras de Allariz ten que coñecer, pola súa fermosa arquitectura e por toda a arte e a natureza que complementan á historia do martirio da moza Mariña, con fornos crematorios e con fontes de augas cristalinas e milagreiras.

Recibíunos o cura párroco Eduardo Fernández, quen á súa vez exerce de capelán no Complexo Hospitalario de Ourense, de onde levou por certo ao pediatra e amigo doutor Arturo Fuentes, que lle axuda en todo o relativo á parroquia e sobre todo no tocante ás visitas turísticas, sendo como é unha fonte de sabedoría. Eu coñecín ao cura Eduardo aos poucos días do seu desembarco en Santa Mariña, acompañado dunha lexión de fieis que lle axudaban na limpeza e amaño do templo, unha fermosa igrexa que el mima como mima a todos os bautizados, dos que atesoura fotografías enmarcadas que preceden o coqueto museo que con moito traballo e dedicación vai ampliando pouco a pouco, con pezas realmente interesantes e cos pendóns tan característicos do lugar que saen en procesión o día da Ascensión percorrendo estes máxicos lugares.

Eduardo, coa súa enorme simpatía conseguíu que a reunión en torno a histórica pía bautismal, onde por certo xa se bautizara a miña bisavoa, e polo tanto tataravoa da nena Sira, fose un acto realmente fermoso e inesquecible; non cabe dúbida que este cura é dos que realmente fan “parroquia”, e desde aquí quero mandarlle a nosa felicitación e agradecemento.

E de Santa Mariña cara Vilaboa, lugar de nacemento do meu pai Manolo, e polo tanto do avó de Sira, que aínda que non chegase a coñecelo en persoa terao sempre presente poque son como dúas gotiñas de auga. E en Vilaboa continuou a festa na fermosa Casa Rural situada no corazón desta Reserva da Biosfera, unha antiga fábrica de coiro na que eu recordei algúns xogos da miña nenez entre as súas ruínas. O trato, o xantar e a contorna foron inmellorables, o que fixo que gozásemos do día ata última hora cando xa comezaba a anoitecer e cada quen foi collendo carreiriña cara os seus lugares de residencia.

Realmente foi un deses domingos especiais, cheo de emocións, beleza, sentimentos, arte e gastronomía. A nena Sira, miña afillada, pode estar contenta de facernos gozar nun día tan máxico, como máxicos foron os lugares elexidos.
 

Te puede interesar