Opinión

Buenafuente, a Eurovisión

Hai que pedirlle a TVE e La Sexta que cheguen a un acordo para que Buenafuente poida ir ó Festival de Eurovisión facéndolle os coros ó seu acólito do ’Chiqui Chiqui’, con coreografía de Miki Nadal, e así poder dicirlle a esa nova Europa postcomunista o modernos que somos a este lado dos Pirineos; e facerlles ver que iso de enviar grandes voces e fermosas cancións a eventos musicáis que xa soamente son seguidos por uns cantos millóns de ’frikis’ de dubidosas tendencias sexuáis non é ’cool’. ¡Non se enteran de nada estes balcánicos e ex-soviéticos!; iso xa é a prehistoria da música e da televisión. Que se poñan ó día e saiban que para facer programas modernos, e mesmo bendecidos por amplos sectores culturetas da sociedade, hai que vampirizar o que fan os demáis, con sibilino ’bó rollito’, e ríndose de todo e de todos; pero iso sí, reproducindo íntegramente todo aquelo que eles critican.


E xa postos, penso eu que o gran comunicador catalán, listo coma un allo, pode convencer de novo ás mentes pensantes da Televisión Pública para que a partires de agora todo se faga democráticamente, con televoto e a través de internet. Estou convencido de que ó gran Andreu non lle será complicado montar unha nova Selección Española de fútbol, facendo casting nos partidos de solteiros contra casados que fan as ledicias dos colgados do ’youtube’. Tampouco lle será difícil escoller a través da rede a selección de ximnastas e deportistas para os Olimpidas de Pekín entre todos eses patosos rapaces gravados con teléfono móbil, dándose batacazos contra o potro e o plinton dos ximnasios dos institutos. E se hai que mandar a competir na ’Fórmula 1’ ó gañador das carrilanas de Esteiro pois mándase e xa está; porque seguro que é un tipo simpatiquísimo e vainos facer rir a esgalla. Así lle demostraremos a ese elitista mundo do automobilismo que nós estamos por riba desas concentracións horteras de queima de neumáticos, rapazas neumáticas, pilotos cabreados e desperdicio de champán. Aí estará o de Esteiro, elexido por ampla maioría a través do ’mayespeich’, co apoio incondicional do Follonero e o patrocinio de Patricia Conde en forma de calendario erótico, para demostrarlle ó mundo que, coma sempre, ’Spain is different’.


Lástima que neste momento de ’choteo’ posmoderno estean centos de cantantes e grupos que se deixan a pel, os cartos e o que faga falta por ter unha oportunidade, acordándose da familia do actor que encarna o Chiquilinonseicantos, da familia de Buenafuente e da familia dos sesudos directivos do Ente Público que tiveron a feliz idea de querer ’Salvar a Eurovisión’ cun sistema de votación e cunha gala que non firmaría nin a televisión local máis cutre, co permiso da sempre grandiosa Raffaella Carrá.


Moitos destes artistas, con máis ou menos proxección, lembran que a canción que gañou o Festival do ano pasado era un tema magnífico e magníficamente interpretado pola representante Serbia. E non esquecen que por ese festival, no que eles pagarían por estar, deixaron unha gran pegada figuras da talla de Celine Dion, Dulce Pontes, Julio Iglesias, Cliff Richard ou Franco Battiato.


Pero non terán máis remedio que tragar a súa rabia e a súa impotencia cando vexan como Televisión Española é representada en Eurovisión por un actor.


Pois xa postos, e para non ser menos que os listillos cataláns, ben podiamos propoñer que ó proximo campionato europeo de fútbol envíen un futbolín, que alo menos é un invento galego e seguro que queda mellor cos pupilos de Luis Aragonés.

Te puede interesar