Opinión

BYE, BYE RÍOS

Yo recuerdo aquel dia que nos fuimos a bañar'. ¡Vaia que se o recordo! Era a banda sonora da preadolescencia ás beiras do Arnoia; era o 'Río' que soaba no 'comediscos' que reproducía tamén o 'Vuelvo a Granada' que nos levaría anos máis tarde a coñecer a máxica e moruna cidade da Alhambra. Teño gravada a imaxe nítida dun Venres Santo no Albaicín, no que tódolos pubs da zona quedaban mudos ó paso da procesión, e xusto cando o Crucificado daba a volta, o primeiro que se atreveu a darlle de novo volume ó amplificador fixoo poñendo esa canción que décadas despois viría acompañada da Medalla de Ouro da Cidade, anticipo de moitas outras medallas, para este rockeiro incombustible que anda de xira de despedida enchendo pabellóns, campos de fútbol e mesmo prazas de touros nas que el xa tiña cambiado hai anos sangue por música. Concertos, coma o moi recente da Coruña, no que fixo 'Memorias de la carretera' vividas 'a todo pulmón', e que definíu como 'un día de choiva, percebes e rock&roll'.


Eu nesto da música teño que confesar que sempre me quedo coas fermosas baladas dos grandes rockeiros, ou cando despois de suar a camiseta, como o granadino o fai en cada concerto, fan incursións intimistas nas cancións de amor e compromiso; temas como 'El Refugio', 'Santa Lucía', 'Contra el cristal' ou a emocionante 'Santiago de Chile' pertencen a ese grupo que eu gardo cal pequenas xoias nas carpetas de 'favoritos' do iTunes e do iPhone.


Moito antes de que chegara Madonna ou Michael Jackson a terras españolas, o gran Miguel xa tiña dignificada a música e os concertos multitudinarios xogándose os cartos cun impresionante despregue de medios técnicos e acompañándose polo mellorciño do país nas guitarras, na batería ou no piano; aquel 'Rock&Ríos' convenceunos de que xa empezabamos a ser Europa en canto a música se refería. Nunca antes tan alto cantaramos xuntos como cando aquel tipo vestido cuns pantalóns, que mesmo parecían saídos do mítico Circo Price, nos convidara a berrar 'Bienvenidos' cal catarse colectiva no Estadio do Couto. Fora unha das grandes noites daquel ano, como aquelas outras noites que chegarían da man de TVE recreando a historia do rock español nunha serie de programas de auténtico luxo.


E luxos, á forza de traballo e autenticidade, puido permitirse o que noutrora, sendo Mike Rios, fora o 'Rei do Twist', como xirar por España e América con Victor Manuel, Ana Belén e Serrat, dicíndolle ó mundo que 'Hoy puede ser un gran día, duro con él', canción que deberiamos poñer na presintonía do noso despertador para darnos ánimos cada mañá nesta negrura na que andamos metidos últimamente.


Miguel Ríos dí que se despide disfrutando por poder facelo en plenas facultades, pero estamos convencidos de que nunca se irá de todo porque andará por tras de novas figuras que algún día cantarán, ó ritmo da época que toque, o 'Blues del Autobús' ou 'Un caballo llamado muerte', aquela valente canción na que lle pedía a moitos dos que seguramente o escoitaban con devoción que non montasen naquel 'cabalo asesino' que ía deixando a tantos xóvenes tirados polo camiño.


Acaban de regalarme polo meu cumpreanos o novo traballo do sempre querido Raphael, pero como eu teño recomendación cos Magos de Oriente, que por algo Gaspar me encargara hai anos que o representase na Cabalgata de Reis, pedireille que este ano me traigan o 'Bye Bye Ríos', porque aínda que o mundo non estea para moitos 'Himnos de la alegría', recordaremos que con este 'rockeiro que nunca morre' moitos de nós comezamos a cantar, bailar e mesmo a emocionarnos.

Te puede interesar