Opinión

O “Calamar” e outros xogos

undefined
photo_camera “El Juego del Calamar”.

Non se fala doutra cousa máis que da ditosa serie surcoreana que ten enganchado a medio mundo. Tanto é así que unha das miñas colaboradoras radiofónicas propúxome o reto de ver o primeiro capítulo e se non me enganchaba darse por derrotada de inmediato. Pois gañou a condenada, porque non é que vira o primeiro capítulo, é que dunha tacada vin tres, e ao día seguinte chapeime os outros seis case sen pestanexar. E se me preguntan que me pareceu non sabería darlles unha opinión con fundamento, pero o certo é que na fin de semana levei unha enchenta de “calamar” de moito nabizo. Para os que non saben do que lles estou falando, dicirlles que trata dunha serie televisiva de Netflix que está empezando a preocupar a non poucos pais e educadores, xa que son moitos os patios de recreo nos que os nenos tratan de emular o que previamente viron nas súas pantallas, cousa que non debería ter ocorrido xa que a serie está destinada a maiores de 16 anos, pero nestes tempos nos que en moitísimos fogares os nenos e nenas non teñen ningún control sobre o que están vendo nas súas tablets e móbiles, e mesmo sendo moitos os pais e nais que incitan aos seus pequenos a poñerse diante das pantallas para que non den a lata, series como esta non é do pior que poidan reter no seu maxín.

Este “calamar” non é máis que outro dos contidos audiovisuais, moitos deles violentos e sexuais, aos que os rapaces poden acceder desde idades nas que aínda deberían estar xogando na rúa cos amigos e ir descubrindo o mundo pouco a pouco mentres van medrando física e psicolóxicamente, e digoo sen ningún tipo de “moxigatería” ou conservadurismo rancio; todos sabemos do que estamos falando e todos sabemos da responsabilidade que temos como pais, profesores, educadores ou comunicadores. Confeso que ao estar apartado da docencia e da pedagoxía hai xa case trinta anos, debo de ser moi prudente á hora de emitir xuizos e ter coidado con “botar a lingua a pacer” sen coñecemento de causa; porque por perderme ata me perdín toda esa xeración criada na era dos videoxogos, onde a violencia está á orde do día. Pero nin iso me atrevo a criticar cando os xogos da miña nenez estaban inspirados nas películas e series onde os vaqueiros supostamente “bos” ou o “sétimo de cabalería” practicaban un auténtico xenocidio contra os “Apaches” ou os “Sioux”

De calquera xeito, xa que tanto preocupa agora “El Juego del Calamar”, non estaría mal que nos centros escolares e nos fogares onde se poda levar a cabo, fixeran unha especie de debate e posta en común para saber que opinan os rapaces de todo o que acontece na serie, e de paso facerlles ver o trasfondo da conducta humana en situacións límite, que na verdadeira realidade cotiá se traducen en auténticos dramas de supervivencia. E de paso, darlle unha volta máis a iso que desgraciadamente segue moi presente nas súas relacións cotiás, onde o débil segue sendo machacado a diario, con maltrato fíxico e psicolóxico, en tempos nos que as redes sociais poden facer, e de feito fan, un tremendo dano a quenes sofren o acoso escolar ou social. Perder unha hora de matemáticas ou inglés, ou sacar o tema na cea familiar para falar destes cousas é gañar un tempo marabilloso na formación dos cativos e adolescentes e na detección precoz de conductas perigosas ou depresións temperás, e deses tremendos suicidios adolescentes dos que non interesa demasiado facer pública a causa, mesmo polas familias dramáticamente afectadas.

Te puede interesar