Opinión

Cancións de culto

É unha expresión que escoitamos decotío e sobre todo en programas de radio especializados, onde moitos locutores de pedigrí nos recordan esas cancións que ao parecer son o summun na historia discográfica do País. Cando vou no coche pola autoestrada AP-9, da que xa son fillo predilecto, ademáis de ser carísima e ter unha cobertura moi deficiente, vou escoitando todo tipo de estilos, desde a moi amena Radio Galega Música ata o ultimísimo que me poidan ofrecer dende Radio3. Ben é certo que cada día decántome máis por melodías interpretadas en idiomas que coñezo, con especial atención a todo este marabilloso fenómeno musical que está facendo que moita rapazada se enganche ao galego gracias aos novos intérpretes que optan por ser os máis modernos do mundo cantando neste noso marabilloso idioma antes soamente reservado maiormente ás músicas tradicionais. Escoitar e ir tarabeleando pop, rock, folk, trap, ou o que sexa en galego é todo un acto de reivindicación festivo-lingüística. E saír de Vigo cantando o “Maio” de Batallán e chegar a Compostela cantando “O Galo” na versión de Pili Pampín e Ortiga é realmente unha ledicia.

Por certo, o que pensei no seu día que sería unha arroutada momentánea destes dous artistas tan dispares rematou converténdose nun divertido disco completo, onde Pili e Chicho danlle unha reviravolta absolutamente atrevida a temas tan populares como o “Olvídame y pega la vuelta” dos Pimpinela, o “Licor Café” de “Lamatumbá”, o que foi single de presentación “Eu chorar chorei” ou o “Como yo te amo” de Raphael e Rocío Jurado entre outras. 

Eu que apenas coñecía a Ortiga máis que as veces que o presentei no “Bamboleo”, en solitario ou formando parto do duo “Boyanka Kostova”, levei unha gratísima sorpresa cando gravamos un programa dedicado a Juan Pardo, acompañados por Sheila Durcal e Liss Pardo, e no que estivemos a piques de cantar xuntos o “My Guitar” do cantante de Ferrol, aínda que ao final eu optase por cantar “A Fala e Falade Galego”, canción á que lle tiña moitas ganas e que, por certo, eu considero sen dúbida algunha unha desas cancións “de culto” incluída nun dos mellores discos que se fixeron en galego nos anos 70, o “Galicia Miña Nai dos Dous Mares”. 

Pero aí descubrín a Chicho, artista que está baixo a pel de “Ortiga” propoñéndome en serio gravar algo xuntos para outra ocasión, e eu recolléndolle o guante, porque será un pracer deixarme contaxiar por eses ritmos e sons de rabiosa actualidade aos que me acoplaría sen dúbida algunha. Descubrín a un artista e a unha persoa realmente próxima e interesante. Non sei se fará co tempo unha canción desas chamadas “de culto”, pero conseguir encher recintos con centos de seareiros, que mesmo acaban de facerse maiores de idade, acompañado no escenario por unha fantástica artista galega, coa que en principio nada tería que ver, amante da copla, as rancheiras ou as nosas cancións populares, xa é como para analizar o fenómeno e telo en consideración. Canto me alegro por Pili Pampín! A quen quero dende que participou como “Concursante VIP” no primeiro “Supermartes” que presentei alá no ano 92.

Eu non sei se a “Chica de Ayer” de Antonio Vega, ou outros temas e artistas polo estilo, son unha referencia para todo aquel que queira ser algo na música española, pero teño para min que na discografía galega xa hai moito “culto” musical ao que ben poderiamos encomendarnos e potenciar.

Te puede interesar